O histórico evento galego GaliciaTIC celebrarase este ano entre 14 e o 16 de outubro cun formato innovador que combina os ámbitos presencial e online e que, ao mesmo tempo, mantén a esencia do que é o congreso máis veterano da nosa terra en materia de novas tecnoloxías da información. Segundo informa a organización, a Asociación Ineo, a devandita esencia non é outra que “impulsar a transformación dixital e chegar un foro de referencia para o sector tecnolóxico galego”. O programa combinará accións divulgativas presenciais con outras de carácter telemático.
A XVIII edición do foro comezará o 14 de outubro ás 09.30 horas cunha sesión de apertura presencial na que intervirá a directora da AMTEGA, Mar Pereira.
GaliciaTIC adapta o seu formato para cinguirse, deste xeito, ao contexto actual, marcado pola incidencia da pandemia da COVID-19. Neste 2020, o foro cumpre 18 anos, baixo a lema Empresas e persoas, dixitais e conectadas. “A nosa idea desde a organización é manter esta modalidade de foro híbrido en edicións vindeiras, o que facilita ademais a internacionalización do evento, requisito moi interesante para as empresas TIC galegas, que cada vez contan cunha maior presencia fóra das nosas fronteiras”, sinala Álvarez-Sestelo, presidente de Ineo.
Detalles do programa
A axenda incluirá conferencias, debates presenciais e presentacións en modo webinar, ademais de presentacións virtuais e espazo de networking. Na sesión de apertura analizaranse os retos da transformación dixital en Galicia. Tras a inauguración, desenvolveranse diversas conferencias, mesas temáticas e sesións online centradas en asuntos diversos como a necesidade de impulsar a creación dun ecosistema innovador ou os novos retos de seguridade para contornas SAP, o 5G, o traballo do futuro ou a cadea de bloques (blockchain), entre outros temas.
O programa continuará na xornada do 15 de outubro con novas sesións virtuais, un showroom e o desenvolvemento dunha plataforma virtual de networking.
Finalmente, na mañá do venres 16 de outubro celebraranse as últimas mesas temáticas centradas en transformación dixital e recuperación empresarial, por unha banda, e en abordar casos de éxito en implantación de solucións tecnolóxicas no ámbito da Industria 4.0, pola outra. Tras elas, o foro será clausurado oficialmente.
GaliciaTIC 2020 estará dirixido un ano máis por Miguel Merino, quen sinala que na mesa inaugural do foro “haberá unha representación interesante de membros do tecido empresarial, administracións públicas e asociacións de empresas, aos que interrogar sobre como ven a evolución da transformación dixital desde os seus ámbitos concretos”.
A asistencia a GaliciaTIC 2020 é de balde, pero require inscrición previa que pode realizarse solicitando unha invitación aos patrocinadores ou organizadores do evento e cubrindo un formulario creado para tal fin, que pode descargarse na web de GaliciaTIC.
Esta XVIII edición de GaliciaTIC conta co respaldo da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Edisa, GBTEC, Imatia, Inycom, Oracle, Orange, R, Deloitte, Lifesize, CTI Consultores, Leyton, OpenSoft e Sistemius.
GaliciaTIC volve o 14 de outubro cun formato que combina o presencial e o online
Compartir Este Artigo

