A empresa galega Aerocamaras está a desenvolver unha serie de actividades para mostrar en diferentes sectores produtivos o potencial dos vehículos aéreos non tripulados e as tecnoloxías que os acompañan. Os días pasados foi a quenda das prestixiosas adegas Viña Costeira, que mostrou o seu interese por incluír drons como medio de supervisión e coidado dos seus viñedos. Froito deste interese, Aerocamaras realizou unha demostración en Valdeorras, poñendo o foco nun sistema que permite analizar as necesidades do terreo e aplicar as solucións precisas para acadar o óptimo mantemento das explotacións vitivinícolas.
En primeiro lugar, un piloto de drons especializado de Aerocamaras levou a cabo o estudo dos viñedos e deseñou o plan de voo tendo en conta factores como a altura, a velocidade e o tamaño de píxel no terreo (GSD). Unha vez planificado o voo, o vehículo aéreo seleccionado para o servizo, neste caso o DJI Matrice 600, púxose en marcha de forma totalmente autónoma e grazas á cámara Micasense ALTUM recolleu datos de cinco bandas multiespectrais.
Segundo nos contan dende a firma tecnolóxica ourensá, a través do software Agisoft Metashape procesáronse os datos e máis xeráronse un mapa térmico e un mapa de índice de vexetación NDVI, ademais doutros mapas sectoriais que foron interpretados por un enxeñeiro agrónomo co fin de localizar as posibles eivas do cultivo, como poden ser tensión hídrica, formación de pragas, etc.
Nos traballos tamén se incluíu un segundo dron, o DJI Agras, un vehículo aéreo octocóptero deseñado especificamente para a agricultura de precisión e con capacidade para aplicar abono foliar, fitosanitarios ou outro tipo de axentes que poidan afrontar as necesidades das viñas.
Aerocamaras mostra nas explotacións de Viña Costeira o potencial dos drons para a agricultura intelixente
Compartir Este Artigo

