Este martes 27 regresa dende A Coruña unha máis que interesante actividade de debate e participación arredor das tecnoloxías que cambian o mundo e, cun uso axeitado das mesmas, con importantes melloras para o noso xeito de traballar, formarnos, interactuar e comunicarnos. Trátase do ciclo Distopías Cotías, que retoma a súa actividade este outono con varios encontros en liña, o primeiro dos cales celébrase este martes, poñendo o foco en como converternos en cidadáns dixitais á par que conscientes e críticos dende o noso empoderamento tecnolóxico. O ciclo, que vén da man da Rede Municipal de Bibliotecas e Coruña Dixital coa implicación do Centro Ágora, avaliará este outono o impacto das novas ferramentas nas nosas vidas.
Os encontros, que novamente teñen carácter mensual, serán en liña e respectarán a estrutura habitual: unha pequena charla introdutoria e un tempo de posta en común, debate e preguntas aberto a todas as asistentes.
Este mes de outubro, Distopías Cotiás achégase ao camiño cara unha cidadanía dixital máis consciente, crítica e activa da man de Víctor Sampedro, profesor de Comunicación Política e Opinión Pública, con quen poderán conversar os participantes nas sesións arredor das iniciativas de alfabetización tecnolóxica que impulsa. Sampedro é autor de Dietética digital para adelgazar al Gran Hermano (Icaria, 2018), un libro liberado e actualizado con recursos, manuais de iniciativas similares e unha guía didáctica que podemos atopar na súa web.
A sesión de Dietética Dixital no programa celébrase en paralelo a outra iniciativa impulsada xunto a asociación valenciana Cidadanía e Comunicación: unha serie de obradoiros en liña baixo o título Persoas consumidoras versus cidadanía dixital, encamiñados a educadores e formadores e que xa teñen aberta a inscrición.
A sesión deste martes
A sesión deste martes 27 de outubro será unha sesión en liña que poderemos seguir en directo a través de YouTube, a partir das 19:00 horas. Nela, escoitaremos as reflexións de Víctor Sampedro sobre como sermos cidadáns dixital máis conscientes e críticos, tralo que se abrirá o tempo de debate, aberto a todas e todos os participantes. Unha vez celebrada, a sesión quedará a disposición da comunidade internauta na canle de Youtube de Coruña Dixital, onde se atopan aloxadas as sesións previas de Distopías Cotiás, así como outros contidos.
Volven este martes, en formato online, as Distopías Cotías de Coruña Dixital
Compartir Este Artigo

