O Campus de Ourense acolle dende o 19 de outubro (e ata o 2 de novembro) un obradoiro destinado a achegar as tecnoloxías maker (participativas, abertas, colaborativas) á comunidade universitaria, buscando “a democratización do seu uso tanto no plano educativo como do lecer persoal de cada quen”. O obradoiro celébrase baixo o epígrafe Metodoloxías innovadoras e novas linguaxes. Robótica educativa, Impresión 3D e e-téxtiles e forma parte da programación formativa extensión universitaria que este cuadrimestre impártese no Campus de Ourense.
Con 22 horas de duración, as sesións celébranse de xeito presencial as tardes do luns e xoves na Facultade de Educación e Traballo Social, onde naceu por iniciativa de profesorado seu. O taller está dirixido por Almudena Alonso e María Ainoa Zabalza participando ademais como docentes o maker Miguel Gesteiro e a mestra e asesora de bibliotecas María Pousa.
Segundo informou a organización, as dez prazas dispoñibles cubríronse axiña e o perfil de participantes abrangue estudantes de Enxeñaría Informática e de Educación e mestres e mestras xa en exercicio.
A idea de pór en marcha por primeira vez este obradoiro, apuntan as súas responsables, xurdiu ante a escaseza de actividades deste tipo e a convicción de que “é necesario máis movemento no que é robótica educativa, traballo de programación e deseño e Impresión 3D”. Neste contexto, indican, “pareceunos interesante achegar estas novas linguaxes a diferentes colectivos da comunidade universitaria do campus e aplicalas a diferente ámbitos, tanto educativo como de lecer”.
O Campus de Ourense acolle un obradoiro argalleiro sobre robótica e Impresión 3D
Compartir Este Artigo

