Se ben a crise sanitaria non deixou este ano que a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación (Universidade de Vigo, Campus de Pontevedra) celebrase o pasado curso o Día das Redes Galegas, a conmemoración da nosa lingua nas novas canles comunicativas, finalmente si que teremos celebracións arredor do futuro do galego nun mundo cada vez máis tecnolóxico. E será, precisamente, grazas á tecnoloxía. Estamos a falar do ciclo de coloquios virtuais Redes Galegas que, a través de Campus Remoto, desenvolverase os días 29 de outubro e 5 e 12 de novembro.
Nestas tres xornadas, diferentes profesionais relacionados coas redes sociais e a comunicación dixital afondarán en cuestións como a presenza da cultura galega en Internet ou no uso das redes sociais como un xeito de achegar o idioma ás novas xeracións.
Os coordinadores das sesións serán Alberto Dafonte e Andrés Fraga, que contan co patrocinio da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Como explica Dafonte, as circunstancias provocadas pola crise sanitaria obrigaron a “cambiar completamente o formato” do Día das Redes Galegas, converténdoo nun ciclo de coloquios, que xuntará en cada sesión a dous profesionais relacionados con Internet, as redes sociais e a cultura galega, varios e varias deles formados na propia facultade. A través de “parellas con elementos en común”, buscarase en primeiro termo “que nos conten algo dos seus proxectos e traxectorias”, para posteriormente establecer un “diálogo entre moderador, participantes e público”, nuns coloquios programados para ás 20.00 horas.
Moderado por Andrés Fraga, este ciclo de coloquios celebrará este xoves ás 19.40 horas a súa inauguración, tras a que virá un primeiro coloquio “orientado a falar dunha cultura galega contemporánea e pensada para un público novo”, explica Dafonte. Para iso, contará coas intervencións da xornalista María Yañez, que falará de Vinte, unha publicación de tendencias coa óptica posta en Galicia; e do youtubeiro e ex-estudante da facultade Mario Brión, que abordará o labor que desenvolve a través da conta Olaxomario, na que fai unha serie de vídeos sobre cuestións relacionadas coa cultura e o idioma.
A segunda xornada do ciclo, o 5 de novembro, contará coa participación doutra ex-alumna da facultade, Adriana Villamisar, directora de arte na axencia Nasas, quen fará unha reflexión sobre a cultura, os tópicos e a idiosincrasia galega. Compartirá faladoiro coa profesora Pilar Ponte, impulsora da iniciativa 21 días co galego, que se desenvolve en varios centros de ensino da Comunidade. Neste coloquio, Ponte presentará unha iniciativa que propón aos rapaces e rapazas castelanfalantes asinar unha contrato polo que se comprometen a intentar falar 21 días en galego.
Unha terceira sesión, o 12 de novembro, reunirá dous profesionais do sector publicitario formados tamén no centro, David Sousa, director creativo en Mustache, e María Reimunde, responsable de mercadotecnia dixital de captación en Campus Training.
O Día das Redes Galegas sortea a crise da COVID cuns coloquios virtuais sobre lingua e TIC
Compartir Este Artigo

