A empresa pobrense CONGASA, referente galego e estatal en produtos de alimentación conxelados e ultraconxelados, vén de pór a disposición do sector hostaleiro co que colabora un servizo de balde para a dixitalización de cartas. O servizo, que se materializa a través da marca Ibercook Food Service, tamén achega aos hostaleiros a posibilidade de xerar códigos QR para as súas cartas, co fin de facilitar ao máximo a comunicación cos clientes dos establecementos e garantir, ao mesmo tempo, a seguridade sanitaria. CONGALSA destaca a sinxeleza do servizo e tamén o feito de que sexa gratuíto.
Trátase como dixemos dunha iniciativa da marca especializada Ibercook Food Service, da compañía con sede na Pobra do Caramiñal, que responde ao desexo de “ofrecer solucións adaptadas á nova situación que vive o sector, tratando de subministrar valor aos negocios de hostalaría”. Deste xeito, engade a empresa, “bares, restaurantes e calquera formato de negocio poderán crear e editar os seus menús sempre que o necesiten e totalmente de balde”.

Deseño responsive
Grazas a un deseño responsive, accesible desde calquera dispositivo móbil, o xerador de cartas dixitais de Ibercook Food Service facilita o acceso aos hostaleiros e mellora a experiencia dos clientes, “todo iso sen custo e sen necesidade de descargarse ningún tipo de aplicación móbil”, explica CONGALSA.
Con esta medida, a empresa alimentaria da Pobra busca reforzar o seu compromiso co dito sector dando continuidade á iniciativa #NosVemosEnLosBares iniciada durante o confinamento.
CONGALSA envórcase coa hostalería implantando un servizo gratuíto de dixitalización de cartas e códigos QR
Compartir Este Artigo

