Medran os recursos dixitais sobre a nosa terra. Este xoves 29 presentouse unha guía interactiva que difundirá entre o alumnado galego a importancia para a saúde das augas mineromedicinais galegas, que se vai poñer ao alcance de 1.120 centros educativos a través da web da Asociación de Balnearios de Galicia. A guía vén da man da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia que dirixe o doutor Juan Gestal. Na presentación da mesma, celebrada na Cidade da Cultura, participou tamén o concelleiro de Educación, Román Rodríguez.
A guía didáctica interactiva Os balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde será editada polo Servizo de Publicacións da USC. Está dirixida ao alumnado dos últimos cursos de Primaria e dos primeiros da ESO.
Segundo explicou na presentación a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante, a finalidade da guía é que “se empregue dentro das actividades enmarcadas nos ámbitos da Educación para a Saúde e do Coñecemento do Medio dos centros educativos”, e que axude “a reflexionar aos máis novos sobre o valor da auga, transmitindo o respecto por un recurso limitado, ao tempo que contribuirá a preservalo”.
A guía combina texto, ligazóns e códigos QR a través dos que se pode acceder a vídeos e materiais didácticos dixitais. Ademais, mediante o uso da Realidade Aumentada pódese facer un percorrido polos 21 balnearios galegos a través de calquera dispositivo móbil.
O recurso divulgativo consta de cinco apartados nos que se combinan texto e enlaces con diferentes materiais didácticos dixitais. No primeiro amósase o ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, como identificar os diferentes tipos de auga e coñecer os usos que se lle pode dar para fomentar un consumo responsable. No segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. No terceiro analízanse as diferenzas entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación. No cuarto defínese o balneario, os seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas e os tipos de patoloxías que tratan. Finalmente, preséntase a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e as actividades que está a desenvolver.
A presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, puxo de relevo que “con esta guía cúbrese un baleiro no ámbito do ensino e a divulgación do termalismo galego entre os máis novos, que deste xeito aprenderán a coñecer mellor un recurso tan representativo da nosa terra como é a auga mineromedicinal”.
No transcurso do acto lembrouse a riqueza en augas mineromedicinais coa que conta a Comunidade galega, con mais de 300 mananciais e 21 balnearios dotados de modernas instalacións e medios terapéuticos a prol da mellora da saúde e o benestar.
Presentada unha guía interactiva para mostrar nos colexios a riqueza das nosas augas mineromedicinais
Compartir Este Artigo

