Na súa presentación de resultados Telefónica asegura amosar a súa resistencia á pandemia, xa que no terceiro trimestre de 2020 a compañía experimentou unha melloría na actividade comercial e operativa, fundamentalmente nos seus catro mercados principais (España, Brasil, Alemaña e Reino Unido), aínda que no conxunto dos 9 primeiros meses do ano experimentase unha caída interanual de ingresos do 10,7% (caída que sería de só o 2,5% sen restrinximos o cálculo aos 4 mercados mencionados).
Entre xullo e setembro, o Grupo obtén uns ingresos de 10.461 millóns de euros, un 1,2% máis que no segundo trimestre de 2020, aínda que se facemos un balance interanual temos unha caída de ingresos do 12,1%, provocada pola pandemia e o comportamento dos tipos de cambio.
Por países, España proporciona o 29% dos ingresos acumulados nos nove primeiros meses, con 9.209 millóns de euros. Brasil achega o 18%, con 5.674 millóns; Alemaña, o 17%, con 5.509 millóns; Reino Unido, o 15%, con 4.966 millóns; e Hispam, o 19%, con 5.988 millóns. Telefónica Infra, con 609 millóns, suma o 2% restante.
Dende Telefónica apuntan a que a súa xeración de caixa é un dos elementos que dá a entender a capacidade de resistencia e de xestión da compañía, que consegue reducir a súa débeda financeira en 1.617 millóns de euros no último ano.
Vídeo co balance de resultados trimestrais de Telefónica

