
O CPEIG lembra que o proxecto Smartiago nace froito da colaboración entre o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade (agora, Ministerio de Ciencia e Innovación) para contribuír á mellora dos servizos públicos para a cidadanía impulsando o desenvolvemento de proxectos singulares de innovación tecnolóxica. A consecución destes obxectivos realizarase, no caso de Compostela, a través do fomento da innovación empresarial, mediante a selección das actuación e proxectos relacionados coa resolución de retos de sustentabilidade e mellora da eficiencia en prestación de servizos públicos de recollida e tratamento de residuos, limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública a nivel local. Así, o proxecto Smartiago artéllase en tres retos para tentar acadar estes obxectivos: Mobilidade intelixente e sustentable, Xestión sustentable e intelixente de RSU e Iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.
Outra das finalidades de Smartiago é implicar nestes obxectivos a axentes do sistema de I+D+i local, autonómico e estatal. “Mostra de isto”, salienta o CPEIG, “é a alta participación acadada ata o de agora nos diferentes fitos do proxecto, en cuxo marco levouse a cabo un proceso de Consultas Preliminares ao Mercado no que participaron máis de 50 axentes de innovación (grandes empresas, pemes, universidades, centros tecnolóxicos, etc.), e no que se recibiron máis de 60 propostas e se realizaron máis de 30 entrevistas”.
O proxecto Smartiago pretende lograr, despois do desenvolvemento das tecnoloxías que se leven a cabo, un conxunto de solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito das Cidades Intelixentes, encamiñadas a converter a Santiago de Compostela na primeira iniciativa que busca eficiencia, máxima aplicabilidade e adaptación de I+D ás problemáticas das Cidades Patrimonio, de maneira que os resultados sexan doados de facer evolucionar, amais de eficientes e adaptables a outras cidades ou contornas nas que o patrimonio histórico sexa un atributo distintivo.
“O proxecto permitirá situarse tecnoloxicamente nun eido novo a empresas con gran capacidade tecnolóxica, á Universidade e aos Centros de I+D+i do ecosistema local, todo acometendo novos retos en liña cos obxectivos Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020”, explica o CPEIG, lembrando as tres liñas de actuación de Smartiago: a xestión intelixente de residuos sólidos urbanos, a mobilidade intelixente e sustentable, e o alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. No apartado de mobilidade, a finalidade de Smartiago é xestionar a mobilidade e acceso de vehículos de residentes, visitantes e carga e transportistas no centro e casco histórico de Santiago de Compostela, cidade declarada en 1985 Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO. Perséguese “a racionalización do modelo actual de carga e descarga, para a redución de conxestión e emisións; e a evolución do control de acceso e estacionamento, para evitar danos en pavimentos históricos e bloqueo de vías de servizo público”.
Para este reto saíu a licitación a contratación de Compra Pública de Innovación (CPI) para desenvolver unha solución tecnolóxica de Mobilidade Smart, cofinanciado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Con esta licitación, o Concello pretende obter un sistema de control e predición de aspectos críticos da mobilidade no centro e casco histórico de Santiago de Compostela, co fin de controlar o peso de todos os vehículos de reparto, controlar de xeito automático os accesos á zona vella, predicir as afluencias de persoas e tráfico ao centro histórico e tamén predicir a contaminación ambiental e acústica.
Os obxectivos en canto aos residuos sólidos urbanos son acadar un novo modelo de depósito e tratamento descentralizado dos residuos, que posibilite acadar os requisitos marcados pola UE; unha nova forma de relación coa cidadanía que premie o comportamento axeitado en canto a depósito de residuos sólidos urbanos (RSU) e limpeza viaria, aumentando a co-responsabilidade e a transparencia. Segundo o Concello, o servizo de xestión de residuos sólidos urbanos e a limpeza viaria implican un custo anual de 11,55 millóns de euros/ano, o que supón aproximadamente o 28% do capítulo 2 do orzamento municipal. Para dar solución a este reto, desde o Concello licitouse unha contratación CPI para desenvolver un sistema intelixente de recollida de RSU, co-financiado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O obxecto deste contrato é o deseño, desenvolvemento e construción de colectores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos, baseados no uso de tecnoloxías abertas de IoT (Internet das Cousas), a aplicación de algoritmos de aprendizaxe automática e o uso de datos abertos como fontes para o enriquecemento de modelos de predición con información contextual.
En canto á iluminación, o propósito do proxecto é poñer en valor o patrimonio a través de iluminación ornamental biostática, que “axudará a reducir os custos do seu mantemento e conservación”, segundo ten explicado o Concello, que sustenta esta liña de traballo nos importantes custes que carrexan as metodoloxías tradicionais: “Segundo os últimos datos, o alumeado público supón un gasto de 3,5 millóns de euros/ano en electricidade e mantemento de luminarias, un 9% do capítulo 2 do orzamento anual do Concello”. Neste caso, a licitación CPI para desenvolver un sistema de iluminación ornamental para a conservación do patrimonio, co-financiado nun 80% polo FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. Trátase de adquirir servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en marcha dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismos no patrimonio monumental de Santiago de Compostela. Ademais, no marco do proxecto Smartiago prevese a contratación de dous novos proxectos de I+D+i que serán anunciados en datas vindeiras.
A Noite
A Noite da Enxeñaría en Informática en Galicia modificou a súa data de celebración debido ás últimas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia, pasando do 30 de outubro ao 27 de novembro, cando finalmente será o acto no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Este ano celebrarase un encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
O Concello de Santiago recibe o Premio Iniciativa da Administración do CPEIG polo seu proxecto Smartiago
Compartir Este Artigo

