A plataforma galega Culturaenvivo.com, un proxecto con sede operativa en Oleiros e dirixido á dixitalización de eventos culturais en directo, está a coller un importante impulso co inicio deste outono, poñendo a punto o seu equipamento (plataforma web, set de gravación portátil e outras tecnoloxías para poder levar a cabo os eventos culturais por streaming) para levar ata milleiros de recunchos todo tipo de espectáculos e coas máximas medidas se seguridade sanitaria. Sen ir máis lonxe, o pasado 7 de outubro daba comezou o Congreso Internacional do Teatro Galego e con este acontecemento inaugurouse de xeito oficial a plataforma.
O obxectivo da experiencia foi o mesmo que motivou a posta en marcha de Culturaenvivo.com, que non é outro que ofrecer aos eventos culturais, nestes tempos de adversidade, restricións e aforamentos limitados, “outras formas de chegar aos seus públicos, evolucionando cara a un sistema dual, no que por unha banda estea o evento presencial e por outra, o evento online no que hai contido audiovisual tanto pregravado como en directo”.
Na plataforma web cada evento ten o seu propio espazo personalizable (por exemplo: culturaenvivo/eventoexemplo), e nese espazo os impulsores de cada espectáculo poden ter subido contido audiovisual pregravado e editado, realizar ao vivo streaming e vídeo on demand. Os protagonistas de cada cita cultural, grazas a esta tecnoloxía, estarán en disposición de levar a cabo coloquios e interactuar co público online, a través do chat do seu espazo na plataforma. “Desta forma non teñen unha sobrecarga pola xestión da súa propia web, simplemente teñen unha ligazón a este apartado propio”, explican os responsables de Culturaenvivo.com, poñendo o foco no amplo abano de opcións que brinda a plataforma: contido gratuíto, venda de entradas para actuacións concretas, vídeo on demand ou calquera outra fórmula que sexa do interese dos organizadores, “axudando ao evento para xerar, ademais de públicos, novos ingresos”.
Tecnoloxías en xogo
Para xerar o contido audiovisual da vertente online ponse en xogo, por unha banda, o set móbil e, pola outra, a realización en multicámara de calquera acto en directo dentro do evento cultural. O set móbil é un espazo multiusos con iluminación LED e estrutura para fondos personalizables, onde se levan a cabo entrevistas, presentacións, contidos extra ou premium, podendo ser pregravados e emitidos estes contidos no momento elixido ou realizalo en directo.
En cuestión do contido multimedia, todo o vídeo poderá ser en directo (streaming) ou poderá estar dispoñible para consumo á carta. Culturaenvivo.com ofrece calidade de vídeo en alta definición e poderá incluír multidioma (audio e/ou subtítulos) e SPS (subtítulos para xordos). Os contidos en directo ademais da propia plataforma poderán ser redireccionados a outras plataformas de streaming como Youtube, Facebook ao Vivo ou Periscope, “ampliando así a súa difusión para certos contidos paralelos, gratuítos e/ou patrocinados”.
Colle impulso unha plataforma galega que rompe as barreiras físicas dos espectáculos culturais: Culturaenvivo.com
Compartir Este Artigo

