A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, a través do programa SmartPEME TurisTIC, unha nova edición da aceleradora de empresas turísticas da provincia. Un total de 10 proxectos empresariais, o dobre que na pasada edición, están a participar xa estes días nas diferentes accións programadas de asesoramento, titorías personalizadas e actividades de capacitación. O obxectivo: fortalecer, durante tres meses, o seu potencial (moi alto) para converterse en empresas de éxito, innovadoras e dixitalizadas.
As empresas beneficiarias, que foron seleccionadas entre os máis de 20 proxectos que se presentaron, son: A Moura Galaica-Galicia Legends (mapa web interactivo), Viajes Airbus (axencia de viaxes), Amartumar (fomento do sector pesqueiro), Fundación Pazo de Mos (organización de actividades e eventos no Pazo), Mr & Mrs Kendall (servizo de experiencias personalizado), Capptus (xogo de captura nun destino), Turismo de Historias (actividades de formación e divulgación en Galicia con base na investigación histórica), Recunchos (axencia de viaxes en liña), Alecrín (empresa de turismo de natureza) e Corticata (rutas e actividades en Vilagarcía de Arousa).
Nesta terceira edición da aceleradora, a Deputación decidiu finalmente duplicar as prazas do programa para poder atender 10 empresas xa que “esta convocatoria ten como obxectivo principal axudar ao sector turístico, que necesita moi especialmente reactivarse tralo duro golpe que está a sufrir por mor da pandemia da COVID-19”, informaron fontes da institución provincial, engadindo que un dos retos principais é mergullar os proxectos participantes nun uso intensivo das novas tecnoloxías.
O programa desenvólvese en dúas fases. A primeira é máis de asesoramento, cunha completa axenda de titorías que consta de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en tecnoloxía, en imaxe dixital e cun especialista en competitividade empresarial. Nunha segunda fase, a aceleradora centrarase nos obradoiros de capacitación enfocados na comercialización en liña dos estabelecementos e destinos turísticos, en imaxe dixital e en competitividade empresarial.
A medida que se desenvolva a aceleradora, a equipa de profesionais de SmartPEME valorará individualmente o número de sesións e a frecuencia que precisa cada un dos 10 proxectos, para así axustarse ás súas necesidades específicas.
A Deputación de Pontevedra mergulla no uso das novas ferramentas a unha decena de proxectos turísticos
Compartir Este Artigo

