A Cidade da Cultura acollerá novamente unha edición da feira tecnolóxico-argalleira máis relevante da nosa terra e unha das máis importantes a nivel europeo: a Maker Faire Galicia. Este ano, como outros tantos acontecementos sociais referentes no calendario, o evento vén marcado pola COVID e pola necesidade de garantir a seguridade sanitaria, motivo polo cal optarase polo formato en liña para dar a coñecer ante o mundo os proxectos tecnolóxicos participantes, procedentes dunha manchea de países (España, Francia, Portugal, México, Colombia e o Brasil). Para este obxectivo a feira converterase nun entorno virtual en 360 graos.
Así, a través dunha plataforma dixital que recrea o Museo Centro Gaiás, as persoas asistentes poderán interactuar con makers de todas as idades, ademais de participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais. “O encontro reinventa así o seu formato tras cinco edicións polas que pasaron máis de 50.000 visitantes”, salientan as entidades organizadoras do evento (VermisLab co apoio da Xunta, o Concello de Santiago e Asociación para o Progreso da Dirección, APD).
A rolda de prensa de presentación da Maker Faire Galicia, emitida este martes a través de vídeo-conferencia, contou coa presenza do secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira; do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director de operacións da Asociación para o Progreso da Dirección, Santiago Sesto, e o responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.
Segundo fixeron saber, o programa permitirá coñecer o traballo de docentes galegos como José Viñas ou María del Camino Pereiro, recoñecidos polos premios Educa Abanca como algúns dos mellores docentes de España; ou Javier Mur (docente no IES Illa de Tambo de Marín) que recibiu a máxima distinción do Ministerio de Educación pola súa iniciativa Proxecto Guillén, para integrar na dinámica da aula a un alumno con cancro, un proxecto que inspirou a historia do recentemente estreado filme Uno para todos.
Ademais das mesas redondas e charlas, desenvolveranse tamén actividades como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou obradoiros destinados a docentes e tamén á cativada, sobre temas como computación cuántica ou robótica virtual.
Durante os cinco días da Maker Faire Galicia 2020, a plataforma do encontro dará opción ás persoas visitantes de circular, dun xeito similar ao coñecido sistema do Google Street View, polo interior do Museo Gaiás, podendo informarse sobre os diferentes proxectos expostos e conectando en directo cos seus promotores. Amais, dende a web do evento poderase acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratarán temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.
Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a aplicación móbil que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos; ou Antón Vázquez, de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais, cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: o Xatcobeo.
A nova edición da Maker Faire Galicia acollerá a presentación de proxectos de seis países
Compartir Este Artigo

