O Concello de Marín presentou os días pasados unha completa batería de iniciativas para contribuír á recuperación do tecido económico local, que viu agravada unha situación xa de por si crítica coa segunda vaga da COVID. Entre estas metidas, dadas a coñecer pola alcaldesa María Ramallo e o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, inclúense bonificacións de impostos para os establecementos de hostalería e máis a posta en marcha do programa Plan Reactiva Marín, que vén con máis de 80.000 euros para a formación e a modernización tecnolóxica innovadora da economía local.
Trátase este último dun plan de programa de formación, modernización e asesoramento empresarial personalizado co que o Concello quere axudar ao comercio e á hostalaría a dar un paso adiante no seu proceso de evolución cara ao dixital e de aumento da competitividade. “Nun contexto eminentemente dixital é máis importante ca nunca coñecer determinadas áreas de traballo, ferramentas e estratexias que permitan á nosa economía local competir con forza no mercado de hoxe en día”, explicaron, engadindo que por estas razóns ofrecerase aos hostaleiros e comerciantes unha formación en forma de bonos de 45 horas en distintas materias dos que se poderán beneficiar polo menos 30 negocios da nosa localidade.
Os tres bloques nos que se centrarán os módulos de formación serán: primeiro, servizos de desenvolvemento e mellora da imaxe do negocio; segundo, servizos para a mellora da comunicación e da venda online; e terceiro, servizos para a mellora da visibilidade, comunicación e posicionamento a través das redes sociais, aprendendo a xerar contidos de alto impacto.
Tal e como recollerá a licitación deste plan, que “se porá en marcha na maior brevidade posible”, a empresa adxudicataria terá que realizar unha valoración inicial de cada un dos negocios seleccionados para participar do programa e despois deseñar un catálogo de servizos personalizados para incorporar nese bono de 45 horas de formación.
Ademais, haberá tamén un apoio no asesoramento para identificar programas públicos que teñan outras administracións para o comercio e a hostalaría dos que, a maiores, se poidan beneficiar os negocios participantes.
Segundo avanzaron Ramallo e Santos, a posta en marcha do Plan Reactiva Marín suporá unha inversión de máis de 80.000 euros, cuxo 80% se investirá con cargo á EDUSI Marín 2020, co-financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
O Concello de Marín contribuirá con actividades formativas á transformación tecnolóxica do comercio e a hostalería
Compartir Este Artigo

