
Segundo fixeron saber, Utopía Noroeste foi creado para “crear un espazo de intercambio e debate”, centrado nas posibilidades de Galicia ao abeiro “do novo marco económico que se abre a partir das innovacións tecnolóxicas e os abruptos cambios que trouxo a crise da COVID, moitos dos cales, como o teletraballo ou a teleformación, “parecen chegar para quedar”.
O encontro ten as súas sedes, nesta primeira edición, no Museo do Mar de Galicia en Vigo e o Pazo de Vilamarín en Ourense, e realizarase en formato híbrido -presencial e online– ou ben puramente en liña, dependendo das restricións consecuencia da pandemia.
Por temas concretos, nas actividades tocaranse cuestións como a relación entre tecnoloxía e territorio, a transformación dixital, a nova economía, a Intelixencia Artificial e o humanismo, o nomadismo dixital e a reactivación do rural (“nun momento no que o espallamento das redes 5G e o éxodo das grandes cidades, impulsado pola pandemia, podería facer verdadeiramente posible ese ideal de traballar desde calquera sitio”, explican dende a organización”).
Participarán no evento, entre outras personalidades institucionais e do mundo das empresas avanzadas, Adriana Moscoso del Prado, directora xeral de industrias culturais do Ministerio de Cultura, Jose María Lassalle, escritor (e ex-secretario de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, amais de autor do ensaio recentemente publicado Ciberleviatán), Edgar Martín Blas, experto en Realidad Virtual e director executivo (CEO) de Virtual Voyagers, Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria da UVigo (amais de coordinadora do programa Inspira STEAM Galicia, que busca despertar vocacións tecnolóxicas na xuventude, poñendo o foco especialmente nas mozas) e Carlos Blanco, emprendedor, investidor e director executivo de Nuclio Venture Builder.
Utopía Noroeste é un evento aberto á participación a través dunha webapp propia, que permitirá ver e escoitar en directo, desde calquera lugar, a algúns dos maiores expertos do ámbito galego e estatal en Realidade Virtual, Intelixencia Artificial, Blockchain, 5G, videoxogos e Cidades Intelixentes; e ao mesmo tempo reflexionar sobre os desafíos éticos e políticos que expoñen, e como poden combinarse “nun gran reseteo da sociedade desde unhas bases sustentables”.
A xornada inaugural do xoves 19 celebrarase no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arrincando cunha intervención sobre sistemas con capacidade de análise e pensamento da man de José María Lasalle, escritor e profesor universitario. Tamén se reflexionará sobre as estratexias de innovación nos contidos dixitais coa disertación de Adriana Moscoso, directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación do Ministerio de Cultura, e sobre Cidades Intelixentes, coas reflexións de Manuel Baltar, oresidente da Deputación de Ourense. Jaime García Cantero, director de contidos do Foro Retina (El País), porá o peche a esta xornada de debate, cunha charla sobre as tendencias tecnolóxicas que veñen. Ademais a nova compositora viguesa Max foi convidada a interpretar algunhas das súas novas composicións.
O venres 20 o congreso trasládase ao Pazo de Vilamarín en Ourense onde os protagonistas serán os videoxogos. O seu perfil máis creativo estará presente cunha charla sobre a música nos videoxogos, na que o produtor musical Denis Siks contará a súa experiencia sobre a creación de música para empresas de videoxogos internacionais, desde o seu estudo en Cangas do Morrazo. E tamén a xornada servirá de marco para a presentación do Libro Branco Español de Desarrolladores de Videojuegos, por parte de Antonio Fernández. Este documento é unha edición especial que contén un informe para contextualizar o panorama da industria do videoxogo en Galicia e as tendencias de futuro. E con esa mirada de futuro, entregaranse por primeira vez os premios da categoría de Creación de Videoxogos, unha área incorporada como novidade nesta edición 2020 aos Premios Xuventude Crea, programa desenvolvido desde hai 10 anos pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para premiar o talento de persoas novas creativas galegas. Cristina Pichel, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dará a coñecer os proxectos da mocidade premiada. A xornada do venres complétase coa intervención de Edgar Martín Blas, responsable de Virtual Voyagers, onde analizará o futuro máis inmediato da Realidade Virtual.
A sesión final do sábado 21 arrincará cunha charla sobre moda e adaptación aos cambios, co testemuño de Amalia Formoso, responsable da firma de moda Zurita, quen desde China explicará como a súa empresa se adaptou ás novas tecnoloxías.
A vicerreitora da Universidade de Vigo Natalia Caparrini reflexionará sobre as carreiras de futuro e a fenda de xénero nas denominadas STEAM (siglas en inglés de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas). Fernando Suarez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Informáticos, disertará sobre Ourense como provincia intelixente e o turismo do futuro. Tamén haberá un espazo para o debate sobre a implementación do 5G, con Luis Álvarez Sestelo, presidente da asociación galega de empresas tecnolóxicas Ineo e a xestión integral a través da visualización avanzada será obxecto de análise por parte de Manuel Meijide, experto en Smart Cities e Industria 4.0, quen desenvolverá na súa intervención o concepto do “xemelgo dixital”. Esta primeira edición finalizará coas reflexións sobre emprendemento tecnolóxico de Carlos Blanco, emprendedor e investidor no sector das novas tecnoloxías.
O congreso Utopía Noroeste está co-financiado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa de promoción de turismo MICE e a Deputación de Ourense, dentro da súa estratexia de futuro Provincia Intelixente.
Vigo e Ourense acollen a primeira edición do congreso Utopía Noroeste
Compartir Este Artigo

