
De feito, segundo sinalaron dende a organización, máis da metade dos visitantes procederon de latinoamérica, sobre todo de países como Arxentina, Brasil, Colombia ou México. Ademais, foi moi relevante o número de competicións que acubillou o evento, tanto nas xornadas da industria, como na educativa ou nas abertas, nas que destacaron tanto o nivel dos proxectos presentados como a posta en escena.
Na competición de proxectos das xornadas de industria conseguiu o primeiro premio José Gago, estudante de Medicina na USC, que participaba co proxecto Bactidec, un dispositivo para detectar bacterias en tempo real en quirófanos, co que tamén gañou o último programa Explorer do Banco Santander.
O segundo premio foi para Iria Ollero e o seu proxecto Wave & Pain e en terceiro lugar foi para Alberto Alvarellos, que presentou un dispositivo para medir a concentración de radón.
Durante a xornada educativa, chegaron á final da competición de proxectos 10 centros de Galicia e Portugal, que participaron en dúas categorías, makers e minimakers. O proxecto gañador na primeira das modalidades foi para o IES Maximino Romero de Lema, co proxecto Transformación dixital durante a COVID, que puxo en xogo diferentes medidas para reducir o risco de contaxio do COVID nos centros educativos.
Na categoría minimakers o gañador foi o Club de ciencias do CEIP Ponte dos Brozos, co proxecto Desplastifícate, que une o uso da tecnoloxía e o fomento da conciencia ambiental creando espazos virtuais que semellan contornas naturais contaminadas.

Na categoría maker o terceiro premio foi para ACO Robots; o segundo para Art&Technology; e o primeiro foi para Fabricación de aeronaves a escala. Por último, na categoría de divulgación, o terceiro galardón recaeu en Estación para el control de la calidad de aguas de ríos; o segundo para TIC en 3D; e o primeiro premio foi para Neurotech Galicia.
Na xornada do sábado tamén se entregaron dous premios cuxos retos lanzáronse durante a xornada educativa, a Game Maker Jam (competición para a creación de videoxogos express), que foi para Pitafarm e o Escornathon (competición para deseñar fichas de programación para o escornabot). Ademais destes recoñecementos, tamén se desvelou a identidade do maker de mérito, que entrega a organización todos os anos a aqueles/as que axudan de maneira significativa ó movemento maker. Este ano foi a parar a toda a comunidade maker polo “seu traballo incansable durante os peores momentos da crise sanitaria derivada do COVID-19”, e recolleu o premio o galego Álvaro Rey de Makergal, en representación de todo o colectivo argalleiro.
Sinalar tamén que a organización deixará os contidos en aberto na plataforma do evento durante todo o ano, achegándonos así a posibilidade de volver a desfrutar da experiencia e chegando a moito máis público a nivel mundial.
A edición virtual da Maker Faire Galicia rompeu moldes de internacionalización
Compartir Este Artigo

