O xurado da segunda edición do Certame Escolar de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez vén de dar a coñecer os traballos premiados nesta convocatoria. Así, logo do período de valoración das contribucións finalistas, acordouse por unanimidade conceder os seguintes galardóns ao abeiro das diferentes modalidades establecidas: na categoría de Primaria, o Primeiro Premio é para Sinécdoque, un podcast do CEIP Raíña Fabiola de Santiago de Compostela, o Premio Especial (o que conmemora o 25 aniversario de Ponte nas Ondas) foi para Ánimo, xente, contribución do CEIP Canosa-Rus de Coristanco. O accésit desta categoría foi para Na verea da igualdade, do CEIP Baamonde de Begonte.
Na categoría de Secundaria, o Primeiro Premio recaeu en O vello dos contos, un podcast do IES de Foz, e o Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas foi para Morriña, do IES Manuel García Barros da Estrada.
O certame, como lembraremos, vén da man do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, Arraianos Producións e o colectivo Ponte nas Ondas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e doutras entidades como o Museo do Pobo Galego, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a EASD Mestre Mateo, a Radio Galega, a Real Academia Galega, a Fundación Antonio Fraguas e o Parlamento de Galicia.
Concorre nestes premios alumnado de 11 a 18 anos dos centros de ensino de Primaria (de 6º curso) e doutros centros de ensino non universitario de Galicia e daqueles que imparten ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra da Comunidade Autónoma. Así mesmo, participa o alumnado da mesma idade das escolas do Norte de Portugal.
O xurado do concurso escolar de podcasts en galego dá a coñecer os traballos premiados
Compartir Este Artigo

