Este venres 27 celebrouse a través de vídeo-conferencia a inauguración do Laboratorio de Boeing, no Campus de Ourense, unha iniciativa para o estudo e o impulso de actividades aeroespaciais. A cita contou coa presenza de representantes da devandita empresa, da Universidade de Vigo e máis da Xunta. En concreto, do conselleiro de Economía, Francisco Conde, que lembrou a importante contribución da compañía para situar a nosa terra na punta de lanza da vangarda tecnolóxica en materia de drons e tecnoloxías aeroespaciais (a través do Polo Aeroespacial das Rozas, en Lugo).
Máis polo miúdo, Conde salientou iniciativas como Galician SkyWay, centrada na busca de solucións tecnolóxicas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais, ou o banco de probas de voo. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor que realizan centros como a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo “na formación dos profesionais do futuro que necesita a industria aeroespacial”.
Boeing e a Universidade de Vigo teñen en marcha un convenio de colaboración, dentro do cal estantes a desenvolver xornadas de difusión tecnolóxica, prácticas en empresas para alumnos da Escola, ou o Premio Boeing aos tres primeiros proxectos de Fin de Grao que se entregou, precisamente, este venres.
O Laboratorio de Boeing dispón cun simulador de voo de última xeración que os estudantes poderán utilizar en numerosas áreas de investigación como as dinámicas de voo, os sistemas de aviación e o control do tráfico aéreo. stá formado por unha pantalla táctil multifunción que serve para manipular o panel de radio de voo, o piloto automático, a unidade de control do sistema de xestión de voo e o sistema de instrumentos electrónicos de voo, e que pode configurarse como cabina analóxica (motor de pistóns e turbopropulsores) ou “cabina de cristal”.
Boeing abre un laboratorio de tecnoloxías aeroespaciais no Campus de Ourense
Compartir Este Artigo

