O Concello de San Sadurniño anunciou que agasallará á veciñanza un almanaque que reflectirá polo miúdo o día a día das e dos residentes neste ano marcado pola pandemia e as restricións. Segundo informou o Goberno local, un dos grandes puntais da iniciativa reside na súa vertente tecnolóxica: as diferentes imaxes cotiás que integran o almanaque foron convertidas en lenzos ao estilo de Vang Gogh mediante algoritmos de Intelixencia Artificial. O álbum vén cunha tirada de 500 exemplares. A idea é repetir a experiencia do ano pasado, que, segundo informa o Concello, tivo unha gran acollida.
Na edición de 2021 repásanse mes a mes algunhas das imaxes que “nos deixou o ano a piques de rematar e que se publicaron nos medios municipais”, ou sexa, instantáneas do confinamento, da volta á normalidade, da actividade municipal adaptada á situación sanitaria, etc. O nexo común de todas as fotografías tratadas é a mensaxe positiva que alicerza todo o conxunto e os seus elementos: “Unha mensaxe de esperanza e de confianza en que todo poida volver ao seu o antes posible”, en palabras do Concello.
As persoas encargadas da edición foron o fotógrafo César Galdo e o deseñador Juanlu Fernández. Para a súa elaboración, encargóuselles “que plasmasen recordos vivos dun ano que quedará marcado para sempre na historia e na nosa cabeza”. Por iso todas as imaxes, malia ser fotos, simulan un lenzo pintado ao óleo que reproduciu mediante algoritmos de Intelixencia Artificial o estilo pictórico de Van Gogh.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, “o tratamento dixital sobre cada imaxe achega un resultado sempre distinto e aleatorio, igual que se o cadro estivese feito á man. É incrible o que fai a Intelixencia Artificial aplicada á imaxe, pero tamén dá un pouco de medo. Dá que pensar e que reflexionar sobre os límites desta tecnoloxía que xa está entre nós”, comenta Amparo Calvo.
O almanaque poderá recollerse a partir do 15 de decembro na Casa da Cultura e na Casa do Concello ata esgotar os 500 exemplares que se van imprimir para repartilos totalmente de balde.
San Sadurniño distribuirá un almanaque elaborado con algoritmos de Intelixencia Artificial
Compartir Este Artigo

