Este 1 de decembro celebrouse en Lugo, na sede da Fundación CEL, o acto de presentación dos proxectos seleccionados na terceira edición da BFAero, a aceleradora galega de iniciativas innovadoras do ámbito aeroespacial cuxa nova convocatoria vén coa novidade de terse aberto a emprendementos exteriores (catro dos sete proxectos que participarán son de fóra de Galicia). Na cita participou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen destacou que a terceira entrega de BFAero achega unha imaxe clara “dun Polo Aeroespacial de Galicia aberto a novas iniciativas que pretenden non só reter, senón tamén captar talento”.
Tamén salientou que os proxectos seleccionados permitirán avanzar na autonomía, servizos, control de voo, xestión e operacións con drons. “A BFAero é unha iniciativa que aposta polo emprendemento con proxectos que dan resposta aos retos marcados polos nosos socios tecnolóxicos, atendendo as necesidades dun sector estratéxico”, subliñou.
Con recordou que “a través desta aceleradora preténdese consolidar o tecido empresarial, fundamentalmente as pemes; transferir ao mercado novas solucións innovadoras e atraer e reter talento”.
O conselleiro tamén lembrou que nas dúas edicións anteriores este programa xa permitiu mobilizar 3,6M€; crear 63 empregos e constituír cinco empresas ao seu abeiro.
Este primeiro de decembro licenciáronse tres proxectos: a aeronave UAV Works (de Valencia); as pezas para drons de Lupeón (Nigrán) e mais a plataforma para análise de datos de Pildolabs (Lugo).
Os proxectos da terceira edición
Dos sete proxectos seleccionados na BFAero, catro serán acelerados e outros tres incubados. En concreto realizarán a fase de aceleración CIES Solar de Pontevedra, que buscará realizar misións automáticas de fotogrametrías de máis de 1000 hectáreas ao día; SAQQARAH, de Vigo, para afondar na inspección de procesos industriais e verquidos medioambientais; PrimeCor, de Alacante, que desenvolverá un sistema de control de voo para drons fiable, seguro e certificable, e Atom, de Madrid, que brindará unha ferramenta integral para o uso de drons en operación e mantemento de instalacións industriais.
En canto aos proxectos de incubación serán Dronesuit da Coruña, unha plataforma cloud con ferramentas e utilidades para facilitar a xestión, operación e administración; Pharmadron, de Zaragoza, avanzará no uso de vehículos non tripulados no sector da loxística e distribución no sector da saúde; e SOLARBotix, de Madrid, estudará a viabilidade da fabricación de placas solares mediante tecnoloxías de fabricación de compostos para que poidan modelarse en superficies non planas como as ás dos avións.
Presentados os sete proxectos da terceira edición da aceleradora galega BFAero
Compartir Este Artigo

