CESGAHACK, o hackaton impulsado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a firma coruñesa Appentra Solutions co obxectivo de facer demostracións tecnolóxicas e acelerar a execución de ferramentas da comunidade científica e da programación, volve en decembro en formato duplo: primeiro cun novo curso práctico de paralelaxe, a desenvolver os días 10 e 11 deste mes mediante ferramentas de Parallelware (Appentra), e segundo co celebración propiamente dita do CESGAHACK5, entre o 14 e o 18 e con formato virtual.
O hackathon virtual de cinco días ten como obxectivo “axudar aos científicos e aos programadores de aplicacións a responder preguntas, acelerando o tempo de execución das súas aplicacións e reducindo o tempo que pasan codificando”.
Este ano o evento será virtual e os participantes seguirán accedendo á supercomputadora Finisterrae II do CESGA e ao equipo de mentores expertos na optimización, paralelaxe e execución de aplicacións HPC (polas súas siglas en inglés High Performance Computing, ou sexa, Computación de Alto Rendemento). As e os participantes tamén empregarán as ferramentas Parallelware Analyzer e Parallelware Trainer de Appentra para acelerar o ciclo de vida do proceso de desenvolvemento.
Respecto do curso previo dos días 10 e 11, axudará aos participantes a prepararse para sacar o máximo proveito ao hackathon. A actividade formativa tamén será virtual e está prevista para os días 10 e 11 de decembro de 2020.
Equipos de edicións anteriores do CESGAHACK foron capaces de reducir o seu tempo de execución de código a case 1/50 do tempo de desenvolvemento inicial en só 5 días. Os equipos proviñan dunha gran variedade de países e ámbitos de traballo, desde predicións de tsunamis na Universidade de Málaga ata o equipo de Xesol Innovation que traballa na análise dos patróns biométricos dos condutores para evitar accidentes de tráfico.
CESGA e Appentra animan a calquera que teña un proxecto científico que queira aproveitarse dun código máis rápido, a participar e beneficiarse da formación individualizada que ofrece “esta contorna única”, axudando a avanzar no seu desenvolvemento e aforrar tempo no tempo de execución da súa aplicación de software.
A participación en CESGAHACK5 é gratuíta, pero os participantes deben rexistrarse en liña a través dos formularios que se achegan en liña.
CESGA e Appentra recuncan en decembro cunha edición virtual do CESGAHACK
Compartir Este Artigo

