Mercalalin.gal, plataforma que impulsa o comercio local de Lalín, comezou novembro con máis de 2.500 produtos en venda a través da Rede e preto dun centenar de negocios adheridos dende a súa posta en marcha en outubro, estando aberto o prazo para novas incorporacións nesta campaña previa do Nadal.
Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello de Lalín, con vistas a poñer a disposición do tecido produtivo do termo municipal “unha plataforma de comercio electrónico para facilitar a dixitalización dos comercios”.
Mercalalín naceu do plan Lalín por Vir, ao abeiro da estratexia DUSI e do programa Lalín Sima 21. A súa presentación oficial celebrouse en outubro, nun acto ante o empresariado local e a cidadanía que contou coa presenza do alcalde José Crespo, a tenente de alcalde, Paz Pérez, a edil de Comercio, Karen Fernández, e o responsable do desenvolvemento da plataforma, Daniel González.
Segundo fixeron saber daquela, o obxectivo é que a proposta servise “como ferramenta gratuíta de enganche para os comercios locais de Lalín durante a nova normalidade”, dándolles a opción de “dixitalizárense e así dispor dunha nova canle de venda”. Doutra banda, o proxecto busca “promover entre os lalinenses a compra de proximidade agora coas vantaxes da canle online”.
A empresa responsable do desenvolvemento de Mercalalín é a Tiendealo, creada polo lalinense Daniel González.
Mercalalin.gal rolda o centenar de negocios adheridos
Compartir Este Artigo

