A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado Sumo Valor, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social da USC, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos para este programa.
Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben.
Un dos proxectos que está a recibir financiamento dentro desta liña de micromecenado é o dirixido por Ángel Miramontes desde o Idega (Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia). Un equipo integrado na súa maioría por xeógrafos e analistas territoriais pero tamén por enxeñeiros e economistas, traballa desde o inicio da pandemia na xeración dunha cartografía de risco da COVID-19 nos espazos urbanos e rurais e Galicia, unha ferramenta moi útil de cara a toma de decisións. Este proxecto está ademais financiado pola Axencia Galega de Innovación (Gain).
O Sergas proporciónalles os datos relativos aos contaxios, que os investigadores vencellan cunha gran cantidade de información de tipo territorial da que dispoñen: municipios, catastros, demografía, envellecemento poboacional, dispersión da poboación… e outros máis concretos como a localización de farmacias, hospitais e centros de saúde, liñas de autobús, mobilidade da poboación… Tamén empregan variables socioeconómicas como o PIB. A finalidade é coñecer como se comporta o virus, xa que varía moito dun concello a outro ou mesmo dentro dunha mesma poboación. «O tratamento da información é moi laborioso, cómpre depurala e xeorreferenciala» – indica o investigador principal do proxecto.
O equipo xera mapas e informes temporais (semanais e quincenais) que permiten coñecer como aumenta ou diminúe un determinado foco de contaxio, ao tempo que explican as causas que provocan cada situación. Envían estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, o que serve de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada intre.
Nun primeiro momento os investigadores do Idega realizaron análises territoriais do comportamento da COVID-19 en toda Galicia. Agora estanas a desenvolver a outras escalas, con máis detalle, depurando os datos da información territorial coa que contan. Así, tamén se centran nas sete cidades galegas e nas áreas rurais máis significativas, xunto con aqueles puntos nos que se localiza un maior número de focos de contaxios.
O obxectivo deste proxecto a longo prazo é, unha vez que remate a pandemia, dispor dunha radiografía perfecta de como foi evolucionando e todos os cambios que se foron producindo no caso concreto do territorio galego. Deste xeito, entre outras posibilidades, os datos particulares do coronavirus poderán combinarse cos doutras enfermidades como a gripe, posto que a cartografía de risco que están a xerar ofrece unha capacidade de análise moi ampla.
Investigadores da USC elaboran mapas de risco da COVID-19
Compartir Este Artigo

