O doutor Antonio Rodríguez Anaya, profesor e investigador do Departamento de Intelixencia Artificial da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da UNED, ofreceu este venres 11 un relatorio organizado pola Universidade a Distancia e o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense sobre ferramentas con capacidade de aprender e tomar decisións e as súas posibilidades para as contornas educativas e sociais. Fíxoo ao abeiro dun seminario da UNED que se emite cada venres, en formato online, desde o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense. O seu relatorio tivo dúas partes. Unha primeira adicada a ver a Intelixencia Artificial no contexto educativo e unha segunda para ver como a IA pode axudar á educación a distancia.
En canto á IA no contexto educativo, Rodríguez Anaya mencionou catro áreas de investigación neste eido. En premio lugar debullou a área da AIED ou IA en contexto educativo e máis a área de CSCL ou aprendizaxe colaborativa apoiada por computador. Son, dixo, as técnicas que se utilizan mediante ordenadores para incentivar ou promover a aprendizaxe colaborativa. Outra área de investigación que citou Rodríguez Anaya é a de EDM ou minería de datos en contextos educativos, para rematar citando a analítica da aprendizaxe, que mestura IA e informática con estratexias pedagóxicas.
Da AIED, sinalou Rodríguez Anaya que o seu impulso definitivo fraguouse a principios da década de 1980, sendo o seu obxectivo utilizar unha combinación de Intelixencia Artificial (IA), teoría da aprendizaxe e práctica educativa para mellorar os resultados da aprendizaxe dos estudantes que usan ordenadores.
No que ao CSCL se refire, expuxo que desde inicios da década de 1990 apareceron publicacións de CSCL que se centraban en explorar como os alumnos e profesores podían traballar xuntos en liña utilizando computadoras. A finalidade, engadiu, é “comprender os procesos de ensino dentro e fora da aula e os seus fundamentos educativos, teóricos e filosóficos consisten nun sistema centrado na colaboración e interacción entre dúas ou máis persoas así como en teorías da comunicación, construtivista social, sociocultural e psicoloxía social”.
En canto á minería de datos en educación (EDM), lembrou Rodríguez Anaya que a mediados da década de 2000 apareceu unha terceira corrente que utilizaba a minería de datos en educación e comezouse a explorar os procesos de aprendizaxe utilizando conxuntos de información máis grandes e maiores interconexións entre os datos. Os obxectivos desta corrente é “analizar datos de sistemas educativos”.
A última corrente é a da Analítica da Aprendizaxe (A en inglés), que apareceu en escena en 2011 e que está centrada en comprender os complexos procesos de aprendizaxe e os resultados deses procesos, empregando unha combinación multidisciplinaria de informática, psicoloxía educativa, enxeñaría e ciencias da formación. Os seus obxectivos pasan por mellorar os procesos de aprendizaxe.
Na segunda parte da súa conferencia divulgativa, Antonio Rodríguez Anaya referiuse á IA como unha axuda á educación a distancia. Deste xeito, sinalou que “a docencia a distancia pode chegar a todo o mundo, sendo na actualidade necesarios uns requisitos tecnolóxicos, entre outros. A sociedade está bastante familiarizada con eses requisitos tecnolóxicos. A IA quere axudar a combater a soidade do alumno que estuda a distancia. Isto conséguese incentivando a aprendizaxe colaborativa e social”, comentou.
A Intelixencia Artificial como un recurso para combater a soidade da teledocencia centrou un relatorio do CIA
Compartir Este Artigo

