A UCGAL, a Unión de Consumidores de Galicia, vén de aproveitar a chegada deste mes de decembro para facer un balance do ano en materia de novas tecnoloxías e de servizos das operadoras. No seu balance, 2020 pasará á historia como o ano en que as novas ferramentas demostraron ser de meirande utilidade para o mantemento da actividade comunicativa, laboral, docente e social dos fogares, con grandes e importantes contribucións, tamén, para paliar os graves efectos da pandemia nunha chea de empresas. Para a UCGAL, a posta polo investimento en infraestruturas foi clave neste senso.
A organización lembra que “2020 está a ser un ano que pon a proba a capacidade das infraestruturas de telecomunicacións do noso país e no que os hábitos dos e das usuarias, no que se refire ao uso das novas tecnoloxías, mudaron de xeito considerable nun período moi breve de tempo”. Segundo fai saber a UCGAL, durante a pandemia duplicouse o uso das videochamadas e das chamadas por Internet, incrementouse a visualización diaria de vídeos e de contidos audiovisuais en plataformas online de pago e, entre maio e xuño deste ano, a poboación pasou máis tempo en casa e aumentaron as cifras de teletraballo.
A Unión de Consumidores tamén recorda que neste ano que enfía agora a súa recta final medraron as compras por Internet, o uso da banca electrónica e de plataformas formativas: “Sen unha infraestrutura axeitada este enorme aumento no uso das telecomunicacións non sería posible, sendo moitas as potenciais problemáticas derivadas dunha rede incapaz de soportar ese volume de tráfico”, engade a plataforma de usuarias e usuarios, que pon en valor os moitos e variados beneficios de que as diferentes administracións en xogo, en colaboración coas empresas, tiveran contribuído a situar a España no primeiro posto de Europa en cobertura e clientes de fibra óptica (nove de cada dez españois ten acceso a Internet e tres de cada catro fogares contan con cobertura de fibra óptica).
Estudo sobre o servizo das operadoras
A organización galega de consumidores UCGAL presentou recentemente o décimo oitavo estudo que avalía a calidade dos operadores de telecomunicacións en base aos datos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) e aos de reclamacións da Oficina de Atención aos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL). Para a UCGAL, resulta significativo que, tras tantas edicións, o operador que presta o servizo universal (Telefónica-Movistar) siga sobresaíndo por riba dos demais en termos de calidade. “Esta iteración, que de seguir así podería chegar ás dúas décadas, proba que a aposta da dita operadora polo desenvolvemento da súa rede, o investimento en infraestruturas e na atención ao cliente foi acertada, permitíndolle destacar sobre a competencia, manter no tempo clientes e mesmo captar outros novos”, explica a UCGAL.
A organización fai saber que os datos do dito estudo “evidencian que en materia de telefonía fixa Movistar é o operador que menos reclamacións ten ante a SETID (2,53%) e ante a OAUTEL (cun volume de 9,96)”. Os que máis, engade a UCGAL, serían Orange na OATUTEL (cun volume de 31) e Vodafone (4,57%) e R (4,56%) na SETID. No caso dos servizos converxentes, explica, “Vodafone é o operador nacional que obtén o peor resultado (11,25) e Movistar o mellor (1,87), R consigue tamén unha boa nota (2,02)”.
No tocante ás avarías, Unión de Consumidores de Galicia considera importante non só que se produzan “as menos posibles senón tamén que se reparen con axilidade aos efectos de que os usuarios padezan os menores prexuízos”. Os datos do estudo, informa a organización, “poñen de manifesto que Movistar ten o prazo obxectivo de reparación máis baixo dos operadores nacionais (46 horas) e repara preto do 95% das avarías de internet dentro dese tempo”. Dentro das 48 horas o estudo mostra que Vodafone repara máis do 92% e Orange máis do 87%. En Galicia R, máis do 90% tamén nun prazo de 48 horas.
O investimento en telecomunicacións en Galicia e España conseguiu paliar os efectos da crise sanitaria, segundo a UCGAL
Compartir Este Artigo

