O proxecto europeo ESTRAEE para xestión do lixo electrónico e eléctrico (os residuos RAEE), no que participa a Deputación de Pontevedra, centrou unha xornada técnica telemática celebrada este 15 de decembro, coa presenza de persoas exportas de Galicia e Portugal. Nela participou a presidenta provincial, Carmela Silva, que salientou o carácter referencial da iniciativa e mostrou o seu convencemento en que “haberá moitos outros proxectos europeos galego-portugueses que seguirán o ronsel de ESTRAEE”. Ao seu xuízo, “non haberá economía potente se non está ligada ao respecto polo medio ambiente”.
Na cita tamén interveu o presidente do Consello de Administración de LIPOR (ente de xestión supramunicipal dos residuos da rexión do Grande Porto), Aires Henrique do Couto Pereira.
Para Silva a xornada foi “moi relevante” posto que deu pé a “reflexionar sobre unha das cuestións máis preocupantes que temos sobre a mesa: como tratamos os residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos”. A presidenta provincial destacou que “foi unha idea intelixente poñer en marcha este proxecto, que xa está avanzado en moitas das súas propostas”. Exemplo destas contribucións, dixo, son a adaptación dos puntos limpos, a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de lixo electrónico ou a implantación de bolsas de recursos de materias primas secundarias, coa creación dunha nova plataforma de software.
Carmela Silva anunciou tamén que a partir de semana que vén estará dispoñible na web do ente provincial unha ordenanza con prácticas axeitadas para cumprir a directiva europea neste eido.
Entre os expertos que tomaron palabra no encontro estivo Benjamín Augusto López Rodríguez, técnico de proxectos da Deputación, quen presentou ESTRAEE e a filosofía na que se fundamenta o proxecto. López quixo deixar claro na súa intervención que “debemos seguir avanzando cara a un novo modelo de transición ecolóxica”.
No panel de debate final, expertos da empresa municipal portuguesa MaiAmbiente, de LIPOR, da Asociación Nacional de Empresas de Distribución de Electrodomésticos (ADEN) e da FEGAMP validaron os obxectivos do proxecto e concluíron na necesidade de afondar no compromiso cidadán na xestión dos residuos eléctricos e electrónicos.
ESTRAEE céntrase en xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sustentable a través “dunha estratexia de economía circular, na que todas as accións que se levan a cabo están interrelacionadas entre si”.
Gracias a este proxecto realizáronse obras de adaptación en nove puntos limpos da provincia de Pontevedra (Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa) e outros tantos no norte de Portugal.
O proxecto conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros, o 75 % de fondos da Unión Europea, e pretende dar un chimpo cualitativo na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos residuos. A Deputación de Pontevedra é a socia líder deste proxecto europeo, financiado co programa Interreg e no que participan outras tres entidades españolas e dúas portuguesas con ampla experiencia na reciclaxe e innovación tecnolóxica.
Galicia e Portugal dan pasos de xigante en xestión de aparellos electrónicos grazas ao proxecto ESTRAEE
Compartir Este Artigo

