A startup galega Hack A Boss, centrada en achegar adestramento avanzado para programadoras e programadores, imparte este xoves 17 en Vigo unha conferencia dirixida a ilustrarnos sobre o futuro das novas tecnoloxías e as moitas posibilidades que abre o traballo coas novas ferramentas para achegar servizos, ferramentas e solucións que mitiguen as consecuencias da pandemia ou que directamente lle planten cara. Falamos da conferencia COVID-19 e o futuro do sector TIC. A actividade, que é unha continuidade da sesión do día 10 na Coruña (unha das sesións Open Day programadas por Hack A Boss este mes de decembro), celebrarase na iVigo Business School ás 18.00 horas.
Coma na anterior sesión, contarase coa presenza do director executivo da compañía (CEO), Pablo Rodríguez, quen contará de primeira man cal é a situación actual do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (as TIC).
A través deste tipo de accións a escola galega de programación trata de mostrar cal é o ambiente real que se respira durante un bootcamp.
Todos os asistentes á nova sesión dos Open Days recibirán un detalle e, no caso de que non poidan asistir de forma presencial, poderán vivilo vía streaming. Hack A Boss aplicará as medidas de hixiene recomendadas e lembra que o uso de máscara dentro do recinto será obrigatorio.
Hack A Boss ilustra ao colectivo programador galego sobre o futuro das TIC no contexto de crise actual
Compartir Este Artigo

