O Concello de Lugo vai traballar coa Escola de Organización Industrial (EOI) na posta en marcha da sexta edición do programa Inicia Coworking, iniciativa de emprendemento e traballo colaborativo para que as e os lucenses que conten cunha proposta de negocio innovadora poidan materializalo ou, tamén, mellorar a competitividade dos seus proxectos a través de asesoramento individualizado e formación tecnolóxica avanzada.
Trala aprobación do convenio entre Concello e EOI, a previsión é de que a comezos de 2021 se leve a cabo a selección de proxectos participantes, de xeito que a sexta edición poida comezar a finais do mes de xaneiro. En total ofertaranse 22 prazas e a formación realizarase de forma online, a través da plataforma da EOI Blackboart Collaborate.
O programa terá unha duración de 5 meses e constará de 60 horas lectivas, durante as cales formarase aos participantes en ámbitos como a metodoloxía Lean-Canvas, o desenvolvemento e a validación do modelo de negocio, o plan comercial e as técnicas de venda, a oratoria, ou o plan de mercadotecnia dixital, entre outros aspectos. Ademais, contarán con titorías personalizadas que lles axudarán a materializar a súa idea de negocio.
Nas anteriores edicións de Inicia Coworking xa participaron 110 persoas que puxeron en marcha máis de 60 proxectos, creándose 350 postos de traballo directos, máis os indirectos, e cun índice de supervivencia do 75% das empresas que xurdiron a raíz desta iniciativa.
Este programa, co-financiado polo Fondo Social Europeo, achega ás e aos participantes, de xeito individualizado e totalmente gratuíto, formación e acompañamento para a posta en marcha ou consolidación de novos proxectos de carácter emprendedor e innovador.
A comezos de 2021 arrinca a sexta edición de Inicia Coworking en Lugo
Compartir Este Artigo

