A Xunta habilitou unha nova versión da aplicación móbil PassCOVID, en palabras da axencia AMTEGA “máis intuitiva e con novas funcionalidades”, incorporando a posibilidade de facermos autodeclaración de contactos para que no caso de termos estado en contacto cun positivo poidamos trasladar a información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos.
Outra das novidades é que se simplifica o acceso, “evitando aos usuarios a obrigatoriedade de elixir entre usuario anónimo e identificado”. AMTEGA tamén destaca, no capítulo de incorporacións e actualizacións, a activación progresiva do rexistro en establecementos.
Amais, salienta que dende finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron a app, “unha canle de contacto permanente entre as autoridades sanitarias e a poboación para estar informados e axudar na xestión da crise”.
A aplicación ofrece a todas as persoas que a descarguen información actualizada da situación da pandemia e das restricións vixentes en cada concello, así como avisos das autoridades, novidades e, as recomendacións actualizadas.
Información personalizada
Se o usuario se identifica co Chave 365 terá acceso a información personalizada. No caso de ser diagnosticado de COVID-19, recibirá un aviso e poderá consultar a súa situación no apartado Estado COVID e recibir recomendacións personalizadas, e trasladar contactos estreitos ao Servizo Galego de Saúde e agora tamén realizar unha autodeclaración de contactos no caso de que mantivese contacto cun positivo
No caso de ser diagnosticado e ter instalada tamén a aplicación Radar COVID, poderá consultar desde a aplicación da Xunta o código que hai que introducir naquela. Ademais, a aplicación autonómica permite realizar desde o móbil o auto-test, acceder á plataforma de asistencia domiciliaria e ao formulario de rexistro de estancia de viaxeiros en Galicia.
Rexistro en establecementos
Para “facilitar a xestión temperá de posibles contactos en establecementos PassCOVID tamén permite ao usuario rexistrar, a través dun código QR, aqueles establecementos nos que estivese”.
Esta funcionalidade, que está a ter unha activación progresiva, permite a autoridade sanitaria enviar un aviso á PassCOVID en caso de determinar que nun establecemento concentrouse un número de contaxios relevante nunha data ou datas concretas. Deste xeito, se un usuario da app estivo nese local e o rexistrou debidamente, recibirá un aviso da situación e as instrucións adecuadas.
Ademais, se a persoa é diagnosticada de COVID-19, poderá compartir co Servizo Galego de Saúde a súa listaxe de establecementos e así colaborar coa xestión da pandemia.
Chega unha nova versión de PassCOVID con novas funcionalidades
Compartir Este Artigo

