O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) convocou este ano o XI Premio Proxecto Fin de Carreira/ Mestrado en Enxeñaría en Informática, unha distinción que veu cunha contía de 1.000 euros para o traballo gañador e que busca, en palabras da entidade, “ser un estímulo para estudantes e tituladas/os recentes en Enxeñaría en Informática ou Mestrado en Enxeñaría Informática”. Finalmente o galardón recaeu en Aida Vidal Balea (Cambados, 1995), investigadora de novas tecnoloxías de Realidade Aumentada, polo seu proxecto Aplicación gamificada mediante realidade aumentada para incentivar a actividade física de pacientes pediátricos de longa estancia como Traballo Fin de Mestrado na Universidade da Coruña (UDC). O galardón entregouse na gala da XII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o pasado 27 de novembro en Santiago.
Tamén foron finalistas do premio Efraím Lema Vidal co proxecto Sistema multiplataforma de xestión de peticións e colas de reprodución para locais de ocio, e Jorge López Seijas co proxecto Sistema de control de acceso e localización de operarios en función da equipación requirida dentro da industria.
O proxecto de Efraím Lema, da Facultade de Informática da Universidade da Coruñs (UDC) versou sobre unha aplicación móbil multiplataforma sobre unha gramola virtual para locais de ocio. O sistema permite a xestión de colas de reprodución musicais, desenvolvida coa tecnoloxía Flutter de Google e un servidor Java. Nesta plataforma existen dúas perspectivas e, por tanto, dúas aplicacións: a dos locais e a dos clientes. Os clientes interactúan con establecementos do seu arredor e deciden a cola de reprodución musical, baixo a intermediación dun algoritmo. Por outro lado, os establecementos configuran a súa información pública e o catálogo musical que ofrecerán aos clientes, ademais de recibir estatísticos da información do seu negocio e clientela.
Por outra parte, o proxecto de Jorge López foi destinado a construción dun sistema que permita a mellora da seguridade e hixiene facendo uso dos EPIs (Elementos de Protección Individual) nun entorno industrial, é dicir, crear roupa intelixente para a industria. Para acadar isto, incorporáronse no distinto equipamento dos operarios sensores que permitan saber, por unha parte, o equipamento do que dispón e, por outra, permitir ou denegarlle o acceso a certos espazos onde non cumpra os requisitos (permisos/equipamento), notificando ao operario do equipamento que lle falta a través dunha aplicación Android.
Os tres enxeñeiros en informática beneficiaranse dun ano de colexiación gratuíta. O ente colexial busca con esta distinción achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes de integrarse no seo da entidade.
O CPEIG distinguiu tecnoloxías intelixentes para a música nos locais de ocio e o deseño de roupa industrial
Compartir Este Artigo

