A Aula GaliciaAberta, habilitada en abril para reforzar a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade galega no exterior, rematou 2020 sumando máis de 405.000 visualizacións dende o seu inicio. Pola canle en liña pasaron mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Martínez Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas). En total, sumaron 337.000 seareiras e seareiros.
A aula tamén incorporou unha sección infantil de contacontos, a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada de Polo Correo do Vento, que sumou máis de 28.000 visualizacións no programa de verán e case 11.500 no de Nadal. Amais, acubillou obradoiro de cociña a cargo do chef André Arzúa (con 22.000 visualizacións).
As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais dos docentes, que foron vistos por milleiros de galegos e galegas residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadir as visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou máis de 70.000 visitas.
A Arxentina, Brasil, O Uruguai, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte das espectadoras e espectadores dos seminarios, unicamente superados por España.
Facebook foi a plataforma preferida polos espectadores para asistir ás clases, sumando máis de 378.000 reproducións e preto de 50.000 interaccións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde se colgaban as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración.
A Aula GaliciaAberta remata a súa formación de 2020 con máis de 405.000 visualizacións
Compartir Este Artigo

