O Goberno galego vai destinar 6 millóns de euros para a transformación e a internacionalización das nosas pemes, persoas autónomos e comercios. Farao a través dunha nova convocatoria de Galicia Exporta Dixital, unha liña de axudas que vén de ser reforzada e adaptada ás necesidades e requirimentos do tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da COVID-19.
As subvencións, destinadas a pemes, autónomos e comercio retallista, serán de concorrencia non competitiva e cubrirán ata un máximo do 80% dos gastos e investimentos necesarios para desenvolver e aplicar plans de internacionalización dixital. Poderase presentar unha única solicitude por empresa cun gasto subvencionable de entre 25.000 e 125.000 euros ou, no caso de comercio retallista, de entre 15.000 a 100.000 euros.
Segundo informou a Xunta, as axudas “permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou cubrir gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital”.
Asemade, serviranlles para adquirir software con vistas a crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada así como de inbound márketing ou mesmo crear e adaptar tendas online.
Con esta liña preténdese “apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos, a simplificación dos procesos e a apertura de novas canles de comercialización de produtos e servizos que faciliten o acceso a clientes e mercados de todo o mundo”.
O Goberno galego destina 6 millóns á internacionalización dixital das pemes
Compartir Este Artigo

