
Como lembraremos, bUSCatermos permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros, que se centran na terminoloxía galega, pero recollen tamén información doutras moitas linguas como é o caso do español, portugués, inglés ou francés, entre outras. Ao fío disto, a USC recorda que as páxinas máis vistas ao longo do ano pasado foron as correspondentes aos seguintes termos: agachamento, COVID-19, acaparamento, gromo, PCR, onfalite, ivermectina, zoonose, axeusia e lavado broncoalveolar.
Con respecto a 2019, o número de usuarios que accederon ao bUSCatermos en 2020 veuse incrementado en máis dun 3%. Eses usuarios e usuarias accederon á base de datos a través dun total de 43.681 sesións de consulta, o que implica un incremento de máis do 24% en 2020 con respecto a 2019. Cada sesión de consulta correspóndese co período de tempo continuado durante o cal un usuario interactúa con bUSCatermos.
Segundo lembra a USC, a base de datos está formada a partir da compilación, análise e reelaboración de tres grandes tipos de materiais, que teñen o galego como idioma de referencia ou de traballo. Trátase dos vocabularios e léxicos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC; un conxunto de dicionarios e vocabularios elaborados por outras persoas e colectivos, que se incorporaron coa súa autorización explícita; e os rexistros elaborados no SNL para responder a consultas externas, ou a dúbidas xurdidas na revisión de textos.
Preto de 10.000 usuarios visitaron máis de 168.000 páxinas do bUSCatermos en 2020
Compartir Este Artigo

