Clara Cid Bengoa, alumna do programa de Doutoramento de Enxeñaría Civil da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e investigadora do Grupo de Mecánica de Estruturas da Universidade da Coruña, foi galardoada polo Grupo de Deseño e Estruturas Aeroespaciais do Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica (AIAA).
Concretamente, Cid Bengoa recibiu o 2021 Student Paper Award in Non-Deterministic Approaches no Foro AIAA SciTech, polo seu artigo titulado Probability-Damage approach for Fail-Safe design Optimization under Aleatory Uncertainty (β-PDFSO).
A UDC lembra que o foro 2021 AIAA SciTech é un dos eventos internacionais máis importantes do sector aeronáutico.
Nesta edición, que se celebrou de forma virtual este mes, o obxectivo era explorar o papel e a importancia da diversidade no avance da industria aeroespacial.
Neste congreso presentáronse máis de 2.100 estudos técnicos sobre as últimas innovacións do sector e asistiron máis de 4.500 participantes de todo o mundo.
O Instituto Americano de Aeronáutica e Astronáutica (AIAA) é a sociedade técnica máis grande do mundo dedicada á profesión aeroespacial global.
Unha alumna da UDC, premiada no foro internacional SciTech
Compartir Este Artigo

