A web da Deputación de Lugo acolle estes días unha exposición virtual con trinta fotografías sobre as Reservas da Biosfera provinciais. Trátase das trinta instantáneas admitidas no sexto Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Esta edición, que tivo como fío condutor As nosas árbores, busca pór en valor e mostrar o patrimonio natural das ditas contornas naturais xestionadas pola Deputación de Lugo.
Na mostra, entre a que se atopan todas as imaxes participantes na edición do 2019, inclúe tamén as tres vencedoras desta edición, que levan por título As árbores, o corazón das nosas Reservas, Monumento Natural e Green.
A sétima convocatoria do concurso dará a coñecer as bases nas vindeiras semanas a través do Boletín Oficial da Provincia.
Calendario do National Geographic
Unha das imaxes gañadoras do IV Concurso de Fotografía das Reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses ilustra o mes de marzo no calendario do 2021 editado pola Rede Española de Reservas da Biosfera, en colaboración coa prestixiosa National Geographic. A fotografía, do castro de Santa María de Cervantes, foi realizada por Óscar Doral e leva o título de Ocaso Castrexo.
Os tesouros das Reservas da Biosfera lucenses, na web da Deputación
Compartir Este Artigo

