A Tecnópole (Parque Tecnolóxico de Galicia) vén de confirmar que Galiciencia, evento referencial en España e Europa en materia científica e tecnolóxica, celebrará a súa 16 edición o vindeiro mes de maio (os días 26, 27 e 28). Será novamente en liña e, desta volta, a temática a tratar versará sobre A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.
O obxectivo será unha vez máis achegar ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato, contribuíndo a espertar neles as vocacións científicas.
Galiciencia conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN); e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
No marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia (este xoves 11 de febreiro), o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentou a nova edición de Galiciencia, que, por segundo ano consecutivo, será online debido “ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria”. Esta circunstancia, sinalou, “permite ampliala a todo o ámbito estatal, podendo chegar así a máis rapaces e rapazas interesados na ciencia, a innovación e a tecnoloxía”.
Durante a presentación, o conselleiro sinalou que “Galiciencia é talento, enxeño e creatividade”. E fixo fincapé na “ilusión que todos os anos amosan os rapaces e rapaces que participan na principal feria científica de Galicia”.
Unha das principais novidades da Galiciencia 2021 é que haberá un premio especial para o mellor proxecto liderado por unha rapaza. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á igualdade de xénero na contorna da I+D+i desde a etapa educativa, promovendo a participación e o liderado femininos nos proxectos científicos e tecnolóxicos.
En canto á participación feminina nas diferentes edicións de Galiciencia, no relativo á elaboración e presentación de proxectos, os datos amosan unha tendencia á alza. Nos últimos tres anos obsérvase que a participación feminina supera á masculina, chegando a acadar o 60 %.

