O panorama de empresas innovadoras da nosa terra, concretamente do sector aeronáutico-tecnolóxico, vénse de enriquecer cunha nova incorporación, Drones Maritime, segundo os seus impulsores “unha firma que suporá unha revolución para o ámbito marítimo”. Drones Maritime xurdiu da alianza entre a galega Aerocamaras, entrada en desenvolvemento de drons de vangarda e formación, e Peninsula, provedor de combustible mariño. Segundo fixeron saber, a empresa naceu para achegar todas as vantaxes dos drons ás frotas de buques, “dende envíos loxísticos ata inspeccións técnicas a todo tipo de embarcacións, dunha forma máis rápida, segura e eficaz que os medios tradicionais”.
Amais, creará unha oferta de servizos de 360 graos realizando transporte, inspeccións e audiovisual en portos e embarcacións, “provocando un impacto inmediato na seguridade, a rapidez e o aforro económico para os propietarios e os operadores de barcos”, explican dende Aerocamaras, que neste novo proxecto achegará a súa experiencia e bagaxe con traballos executados en máis de 15 países no eido internacional.
A compañía recentemente creada tamén está a explorar como vehículos aéreos non tripulados máis grandes poderían entregar subministros, mercadorías e pezas de ata 200 kg de peso mentres a embarcación permanece en tránsito, “o que aforrará tempo e diñeiro ao propietario e ao operador”.
A galega Drones Maritime achegará aos buques as vantaxes dos vehículos aéreos non tripulados
Compartir Este Artigo

