A Consellería de Medio Rural e a axencia AMTEGA xuntaron forzas para despregar unha nova aplicación móbil que permitise a xestión dos lumes forestais sobre o territorio en tempo real. A ferramenta, que vén de rematar o seu proceso de despregue en produción, está dispoñible para os móbiles e tabletas de todos os axentes e técnicos forestais. A aplicación XeoCode Lite brinda entre outras funcionalidades xeolocalización de todos os recursos, rutas de navegación, mapas operativos, fotografía xeorreferenciada e datos de observación e predición meteorolóxica.
A nivel máis concreto, achega aos axentes e técnicos toda a información operativa sobre o lume: punto de inicio e evolución, recursos asignados, puntos de auga próximos, infraestruturas de defensa, cartografía vectorial e ráster actualizada, fotografía xeorreferenciada, últimos datos de observación e predición meteorolóxica, descargas realizadas polos medios aéreos, entre moitos outros datos.
Segundo informan Medio Rural e AMTEGA, conta con buscador toponímico e de puntos quilométricos, localización GPS de todos os recursos e integración coas alarmas xeradas dende a Rede de comunicacións móbiles de emerxencia e seguridade de Galicia (RESGAL), coas máis de 4.000 emisoras Tetra coas que conta o Servizo de incendios. Neste senso, XeoCode Lite permite visualizar o itinerario seguido polo persoal que xa se atopa no lume, como guía e ruta de acceso para os novos recursos que se incorporan, ademais de ofrecer cartografía de navegación estándar.
Unha vez levadas a cabo as correspondentes xornadas de formación sobre a aplicación deste programa a axentes e técnicos de toda Galicia, ao longo deste mes comezarase a implantación da aplicación sobre o propio territorio, co fin de que se empregue a nova ferramenta coa antelación suficiente e que estea estendido o seu uso na campaña de incendios deste verán.
A disposición dos axentes forestais unha app que facilita a xestión dos lumes sobre o territorio en tempo real
Compartir Este Artigo

