Turismo de Santiago vén de adherirse formalmente (como novo membro institucional) á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes. Fíxoo na cuarta comisión plenaria da dita rede, cuxo obxectivo é “liderar o desenvolvemento do sector turístico a través da innovación e a tecnoloxía”.
A Rede, coordinada pola Secretaría de Estado de Turismo e Segittur, céntrase en realizar accións de asesoramento na aplicación da metodoloxía e promovendo o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os sus membros. Isto polo que se refire ao seu enfoque interno. Tamén traballa cunha vertente externa, dando visibilidade aos Destinos Turísticos Intelixentes, tanto dentro de España como internacional.
Segundo informou o Concello, a adhesión de Turismo de Santiago á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes é “un paso máis na súa estratexia de empregar as novas solucións tecnolóxicas como ferramenta para consolidar a cidade como destino turístico”. Amais, servirá para “que a entidade de promoción turística municipal poda coñecer e participar en novos proxectos innovadores e sustentables”.
Turismo de Santiago recorda que leva anos traballando nesta liña. Por exemplo, lidera o proxecto Europeo BODAH (Big and Open Data for Atlantic Heritage), que ten por principal obxectivo entender mellor o comportamento dos visitantes e dos residentes das cidades patrimoniais do Espazo Atlántico para facilitar a súa xestión e lograr un turismo ecolóxico e mantible no tempo.
Turismo de Santiago adhírese á Rede de Destinos Turísticos Intelixentes
Compartir Este Artigo

