A operadora Vodafone presentou esta semana os detalles dunha tecnoloxía en desenvolvemento que botaría abaixo as marxes de erro dos sistemas actuais de localización e permitiría rastrexar a distancia vehículos, drons e mercadorías “cunha precisión de centímetros”. Segundo explicou a compañía, a tecnoloxía, de dar un chimpo integral á nosa contorna, “sería clave para vehículos autónomos e para obxectos voadores”. En primeiro lugar, porque o recurso posto en xogo mellora a precisión en máis de tres metros con respecto aos servizos actuais baseados en satélite.
Tamén tería un importante potencial para mellorar os servizos de emerxencia, para permitir que coches e camións eviten chocar con bicicletas ou, tamén, para que unha empresa saiba o lugar exacto onde se atopa unha mercadoría. O sistema estaría en datas vindeiras a disposición dos clientes da operadora.
A tecnoloxía estase a probar en colaboración co provedor de posicionamento global Sapcorda, utilizando a plataforma global de Internet das cousas (IoT) de Vodafone, a máis grande do mundo con 118 millóns de conexións. “A precisión milimétrica é fundamental para a adopción masiva de vehículos autónomos non só na estrada, senón tamén en fábricas, aeroportos, estaleiros e calquera lugar onde as máquinas estean en movemento”, informa Vodafone, engadindo que “unha escala de centímetros é crucial para garantir a seguridade dos pasaxeiros dun autobús sen condutor ou para coñecer a localización precisa dun dron médico”.
Justin Shields, director de Plataformas e Solucións de Vodafone, declarou: “É posible que aínda non podamos localizar unha agulla nunha palleira, pero estamos preto. O que podemos facer agora é integrar novos servizos dixitais como este con a nosa plataforma global de IoT e redes rápidas, e ofrecelo de maneira segura a moitos millóns de clientes”. E engadiu: “Os nosos servizos de 5G e IoT nos edificios xa permiten que os centros de produción, os laboratorios de investigación e as fábricas realicen traballos de precisión críticos, e a miúdo perigosos, con robots. Agora estamos a aplicar os mesmos niveis de precisión ao mundo ao aire libre”.
Vodafone ultima unha tecnoloxía para rastrexar vehículos e mercadorías cunha precisión de centímetros
Compartir Este Artigo

