A Deputación de Lugo presentou este xoves o seu Plan de Impulso da Economía da Provincia, un programa dotado con 7 millóns de euros, o que representa o 8% do orzamento da entidade. O plan, segundo fixo saber o presidente provincial José Tomé, inclúe dez medidas de apoio para os sectores máis afectados pola crise sanitaria. Unha parte importante do mesmo vai destinado a poñer o foco na transformación tecnolóxica das pemes e das persoas autónomas e na súa adaptación á nova realidade dixital.
“Con este plan”, sinalou Tomé, “seguiremos contribuíndo a paliar o impacto da pandemia con 10 medidas de apoio, promoción e incentivo do consumo nos sectores económicos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local”, subliñou José Tomé.
No acto de presentación, celebrado no salón de actos, estiveron presentes o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López, os presidentes da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Cheché Real, e da Federación de Comercio, José María Seijas, cos que o mandatario provincial mantivo unha reunión previa para informalos da iniciativa, no marco do seu diálogo constante cos axentes sociais e económicos da provincia.
O decálogo de medidas inclúe os seguintes bloques:
· Bonos para fomento do consumo na hostalería e no comercio local.
O presidente anunciou que a Deputación de Lugo fará unha inxección económica de máis de medio millón de euros (510.000€) nos negocios hostaleiros e comerciais de todos os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes co reparto duns 17.000 bonos, cun importe de 30€ cada un deles, para consumir ou para mercar nos establecementos.
· Programa Coñece a túa provincia
A Deputación poñerá en marcha un novo programa dotado con 200.000€ destinado a fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas da propia provincia de Lugo, o que contribuirá á recuperación sustentable do sector turístico e da hostalería. Este programa está dirixido a entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia, e ofrece viaxes en pequenos grupos, dunha xornada de duración, por distintos puntos da xeografía lucense, seguindo diversas rutas: Lugo Cultural, Rutas Gastronómicas e Agroalimentarias, e Lugo Natural.
· Programa Saborea a túa provincia.
A Deputación lanzará o programa Saborea a túa provincia, que consiste en xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia, unha cada fin de semana, na que cociñeiros e cociñeiras lucenses colaborarán con establecementos locais para ofrecer pratos con produtos típicos de cada zona. Ademais, haberá actividades para todos os públicos.
· Fomento das viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra.
Entre outras actuacións de promoción da Ribeira Sacra no ano no que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, a Deputación fomentará as rutas fluviais en catamarán sorteando viaxes, o que potenciará aínda máis o efecto multiplicador que este servizo turístico público terá sobre a economía da zona.
· Ampliación de Lugo Termal a maiores de 50 anos.
Como medida para aumentar o beneficio directo do programa Lugo Termal nos balnearios da provincia –en Lugo, Pambre e Pantón-, a Deputación amplía os beneficiarios deste bonos, de modo que poidan participar maiores de 50 anos, e cun acompañante que non teña necesariamente esta idade.
· Axudas directas a colectivos para promover o territorio.
A Deputación inxectará 100.000€ nos colectivos que impulsan o desenvolvemento do territorio con proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural.
· Colaboración directa co tecido asociativo da provincia.
No marco da colaboración directa e permanente que a Deputación mantén co tecido asociativo, este ano destinará máis de 1M€ para asociacións do eido social, económico, turístico e audiovisual da provincia de Lugo “para prestar unha axuda fundamental a proxectos que teñen un efecto directo no mantemento do emprego e na recuperación económica”, explicou José Tomé.
· Dixitalización de autónomos e pemes.
A Deputación destina 1,7M€ para mellorar a competitividade e a rendibilidade do tecido empresarial a través das novas tecnoloxías cun programa gracias ao que, polo menos, 770 autónomos e pemes da provincia diversificarán e modernizarán a organización da súa empresa, tamén tecnoloxicamente.
· Mellora da empregabilidade de parados de longa duración.
A Deputación dispón 370.000€ para a formación de máis de 250 persoas desempregadas de longa duración, en sectores con gran potencial de emprego na provincia.
· Formación de mocidade desempregada.
A Deputación dedica 2,3M€ para promover un programa de fomento do emprego dirixido a 600 mozos e mozas, a través do cal poderán traballar en empresas, en especial, en entidades do Terceiro Sector.

