O Concello de Santiago, a través do departamento de Comercio, vai organizar un curso sobre as novas relacións de comunicación e interrelación entre a cidadanía e as entidades públicas que poñen en xogo as novas ferramentas tecnolóxicas. O curso A Administración Electrónica e a tramitación de axudas municipais en Sede Electrónica impartirase de xeito online dende o 15 ao 18 deste mes e o prazo para inscribirnos comezou este 4 de marzo, ás 15.00 horas.
Dende un enfoque práctico analizaranse todas as funcionalidades que ofrece a Sede Electrónica. O obxectivo desta formación é repasar de forma práctica todas as accións que se poden realizar a través da devandita ferramenta de eAdministración e mellorar a eficiencia e os tempos de tramitación nos seus expedientes administrativos. O curso conterá ademais cun módulo específico dedicado á tramitación de axudas municipais a través da Sede Electrónica do Concello de Santiago.
Obxectivos xerais
– Coñecer conceptos básicos que nos permitan familiarizarnos coa Sociedade da Información.
– Coñecer os principios da Administración Electrónica.
– Adquirir información dun novo marco como é a eAdministración e a súa contorna.
– Adquirir e aplicar a información sobre o desenvolvemento normativo que regula a eAdministración.
– Coñecer os conceptos básicos da normativa de subvencións públicas.
– Adquirir os coñecementos necesarios para a tramitación de axudas municipais na Sede electrónica do Concello de Santiago.
Contidos
– A Sociedade da Información e a Administración Electrónica.
– Seguridade e Cifrado.
– Certificados dixitais e DNI electrónico.
– A sinatura electrónica.
– Procedemento administrativo electrónico: As Sedes electrónicas. Acceso e Uso.
– Subvencións públicas: conceptos básicos desde unha perspectiva práctica.
– Tramitación de axudas municipais na Sede Electrónica do Concello de Santiago.
O curso desenvolverase en dúas edicións (unha en horario de mañá e outra de tarde) con 20 prazas cada unha das convocatorias.
Celebrarase os días 15, 16, 17 E 18 de marzo.
Horarios
Edición mañá: 8:30 – 11:00 horas
Edición tarde: 20:00 – 22:30 horas
O Concello de Santiago achega formación sobre eAdministración
Compartir Este Artigo
