A Universidade de Vigo presentou a semana pasada detalles dun proxecto tecnolóxico para previr incendios mediante unha aplicación e o control da biomasa que rodea as estradas. Trátase do proxecto Topacio, froito de tres anos de traballo e do traballo conxunto de catro empresas, un centro de investigación e dos grupos de Xeotecnoloxías Aplicadas e Tecnoloxía Enerxética da UVigo.
Como resultado fundamental desta iniciativa, presentouse o pasado venres 5 de marzo unha aplicación que procesa numerosa información sobre as franxas de vexetación na contorna de estradas e sobre meteoroloxía e proporciona índices de risco de incendios e propostas de actuación.
No proxecto Topacio, que tivo unha duración de tres anos, participaron as empresas Extraco, líder da iniciativa, que achegou a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica. A eles uníronse os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, ademais de FEUGA. O importe do proxecto ascendeu a 799.316,81 euros, contando cunha subvención por parte da convocatoria Conecta PEME 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e fondos FEDER.
A xornada de presentación de resultados celebrouse a través do Campus Remoto da UVigo. Nela, Javier Prego, da empresa construtora Extraco, explicou como o obxectivo fundamental de Topacio foi “o control da vexetación que medra ao carón das infraestruturas de transporte porque esta vexetación é susceptible de causar en determinadas circunstancias incendios forestais moi grandes”. Ao seu abeiro, indicou, desenvolveuse unha ferramenta informática que integra “infinidade de datos” procedentes de fontes moi diversas para proporcionar, grazas á aplicación de diferentes algoritmos, índices de riscos de incendio na contorna de estradas e información útil para a súa prevención a través da xestión da biomasa.
Segundo fixo saber, a información que nutre a aplicación Topacio procede do uso de diferentes tecnoloxías de última xeración, como son o láser escáner móbil (capaz de realizar levantamentos fotogramétricos en 3D), embarcado tanto en vehículos terrestres como en drons, e imaxes de satélite das zonas de interese. Igualmente, o programa integra información de modelos de predición meteorolóxicos e de recollida de datos meteorolóxicos. A partir destes e outros datos, a aplicación proporciona un modelado de combustible; un modelado meteorolóxico de detalle e modelos de prevención baseados en datos históricos de incendios dos que dispoñen empresas de conservación de infraestruturas. Segundo se fixo saber na presentación, “un dos logros máis importantes deste proxecto foi conseguir modelizar o nivel de perigo que supón a vexetación que está ao carón das infraestruturas de transporte porque é un potencial combustible á hora de que ocorra un incendio”. Así, destacaron, “fomos capaces de establecer modelos que calculan o estado desa vexetación e que amosan o seu nivel de continuidade espacial (se por exemplo as copas das árbores se tocan a unha e outra beira da estrada) e clasificar os diferentes tipos de vexetación”.
Da plataforma desenvolvida, os seus responsables destacan como proporciona un sistema de axuda á toma de decisións, no que, integrando todos os datos dispoñibles e grazas aos algoritmos deseñados, o programa proporciona índices de risco de cada zona e as conseguintes recomendacións de actuacións.
O programa foi validado en dous escenarios reais, na autoestrada de Ourense a Celanova AG-31, nas proximidades desta última vila, e na OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés no seu paso por Lobios. A aplicación, pensada para ser online, está actualmente na fase final de probas.
A UVigo participou no desenvolvendo dunha aplicación para previr lumes mediante o control da biomasa
Compartir Este Artigo
