A Deputación anunciou este martes que vai equipar aos concellos da provincia con recursos para impulsar a recuperación do turismo e a hostalería. Estamos a falar da acción formativa virtual Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais, no que poderán participar 50 traballadores/as de entidades locais e membros das corporacións municipais. Vaise celebrar do 5 de abril ao 15 de xuño e contará cunha formación de 100 horas dividida en catro bloques temáticos: mercadotecnia (marketing), comercialización, relacións cliente-empresa e o uso da tecnoloxía para a promoción.
A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, enmarca esta nova medida dentro do apoio da institución provincial a unhas das actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia como son o turismo e a hostalería.
Tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) deste martes 9, as persoas interesadas poden inscribirse ata o próximo día 17 de marzo, ás 13:00 horas. Para facelo, deberán enviar a documentación solicitada ao correo formacion@deputacionlugo.org.
García Porto salientou a importancia desta formación para favorecer a recuperación do turismo e o impulso á economía: “Dentro das competencias e cos recursos dos que dispoñemos, dende a Deputación de Lugo seguimos traballando para apoiar ao sector con esta nova acción, coa que dotamos de ferramentas aos concellos da provincia para que adquiran a capacidade suficiente como para desenvolver e xestionar produtos turísticos”.
Esta medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local, con accións que combinan, por unha banda, a inxección directa de recursos, e, por outro, a creación de valor engadido para favorecer unha recuperación sustentable e eficaz.
A formación, que comezará o día 5 de abril e se estenderá ata o 15 de xuño, conta con catro bloques de formación, nos que se analizarán o Marketing Turístico; Proxectos de Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais; O Sistema de Relación Cliente-Empresa no sector da Hostalería e o Turismo; e a Utilización das Tecnoloxías da Información na Promoción do Destino e para a Creación e Promoción de Produtos Turísticos no Entorno Local. Unha vez rematada a formación, o alumnado que a supere recibirá un diploma acreditativo.
A Deputación de Lugo dotará aos concellos de recursos tecnolóxicos para revitalizar o turismo
Compartir Este Artigo
