A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou esta mañá en Santiago de Compostela o novo paquete de ferramentas tecnolóxicas en materia de igualdade laboral e de oportunidades que se pon ao dispor do tecido empresarial galego desde hoxe na páxina web de Igualdade Laboral e que suporá, segundo indicou, «un salto cualitativo» na abordaxe empresarial nesta materia.
Así, a Xunta habilitou un novo espazo web centrado na igualdade laboral e de oportunidades en Galicia e lanzou unha guía para a elaboración de plans de igualdade no seo das organizacións, así como unha aplicación electrónica pioneira de autodiagnóstico en materia de equidade no traballo.
Os recursos hoxe presentados están destinados, tal e como relatou Lorenzana, a «facilitar o aumento da igualdade laboral e de oportunidades no tecido empresarial galego». O seu deseño foi resultado do acordo acadado co diálogo social o pasado decembro e posible grazas a un orzamento de 90.000 euros.
O portal da igualdade laboral nace co obxectivo de centralizar a información sobre as accións a prol da igualdade laboral e de oportunidades en Galicia. Desta maneira, facilitarase que as persoas traballadoras, empresas, e a sociedade en xeral teñan un coñecemento máis amplo e profundo das novidades normativas, recursos, medidas de conciliación ou exemplos de boas prácticas que se desenvolven neste ámbito.
O segundo dos instrumentos presentados (a guía para o deseño de plans de igualdade) outorgará a información e orientación sobre os aspectos necesarios para levar a cabo o proceso de elaboración, implantación e seguimento do plan no seo das organizacións
O terceiro instrumento, unha ferramenta de autodiagnose en materia de igualdade laboral, é «absolutamente innovadora» segundo apuntou Lorenzana. Ofrece un mecanismo de autoavaliación de balde, accesible, moderno e de calidade, que permitirá ás empresas medir de xeito periódico o seu nivel de desenvolvemento e impacto en relación coa igualdade de xénero e oportunidades laborais. Complementariamente aportará ás empresas recomendacións para mellorar a súa eficiencia na implantación de medidas de igualdade e tamén lles permitirá coñecer a súa situación comparativa respecto doutras organizacións con diferentes niveis de madurez e recursos.
Unha nova páxina web da Xunta aborda a igualdade laboral
Compartir Este Artigo
