Esta mañá presentouse unha relevante actividade para conmemorar, dende a nosa terra e poñendo o foco no universo sen límites que poñen en xogo as redes, o Día Mundial da Poesía. Estamos a falar das xornadas Literatura nas marxes. A creación alén do canon, un proxecto organizado pola Asociación O Arquivo das Trasnas co patrocinio da Xunta de Galicia. Na presentación participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
As xornadas, das que poderemos obter cumprida información dende o Portal da Lingua, analizarán tres liñas relevantes da literatura galega: a reivindicación da muller, o tratamento da maternidade e a literatura con personaxes LGBTIQ+.
Na presentación, Valentín García destacou “a importancia que ten a literatura para invitar a todos os potenciais lectores a través dun amplo abano de personaxes liberados dos canons establecidos, a reflexionar sobre as causas sociais que nos rodean na actualidade e sobre a diversidade que implica ser persoa”. Ademais, quixo agradecer “a todos eses autores a autoras que elixen o galego como lingua como ferramenta de expresión poética e manteñen vivo, visibilizan e enriquecen un poderoso sistema literario escrito na lingua galega”. Xunto con Valentín García, participou na presentación Daniel Chapela, coordinador das xornadas e representante da Asociación O Arquivo das Trasnas.
Encontro de escritoras
O salón de actos do pazo de San Roque acollerá os vindeiros 16, 17 e 18 de marzo estas xornadas, enmarcadas dentro da semana da poesía, que se inaugurarán o martes día 16 ás 18:00 horas da man do secretario xeral de Política Lingüística e de Daniel Chapela.
Ao longo dos tres días participarán os escritores Mariña Area, Daniel Asorey, Nee Barros, Carlos Callón, Yolanda Castaño, Miriam Ferradáns, Inma López Silva, Eva Mejuto, María Xesús Nogueira, Emma Pedreira, Montse Pena Presas, Mario Regueira, María Reimóndez, Ana Romaní, Marga Tojo, Bieito Troncoco, Marga do Val e Malores Villanueva.
Como dixemos, a primeira xornada estará adicada á reivindicación da figura da muller, a segunda ao tratamento da maternidade e a derradeira á presenza de personaxes LGBTIQ+ na nosa literatura.
Para asistir será preciso facer unha inscrición previa a través do enderezo electrónico oarquivodastrasnas@gmail.com.
O prazo ficará aberto ata o 15 de marzo e a reserva de praza realizarase para todos os relatorios e mesas concretas ás que se queira asistir cumprindo a normativa sanitaria.
As xornadas Literatura nas marxes, ao detalle no Portal da Lingua
Compartir Este Artigo
