A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convoca un total de 410 prazas de carácter libre para a avaliación para a obtención da certificación galega en competencias dixitais en ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está aberta a toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios xa posúen os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 Ofimática baixo o paquete de LibreOffice.
A inscrición a estas probas remata o 3 de abril e poderá realizarse ben a través da Internet ou presencialmente na aula de interese, sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT, trámite que tamén pode realizarse a través da Rede.
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 Ofimática do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
– Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
– Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
– Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
– Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer
– Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compoñen o CODIX como diversos casos prácticos e test de exemplo
Máis de 1.500 prazas programadas para o ano 2021
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2021, que terá a súa continuación no próximo semestre con novas convocatorias dun curso de teleformación titorizada con exame final e outra convocatoria de probas presenciais na modalidade autoformativa
Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 9.610 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.839 en cursos de teleformación titorizada e 6.802 en probas presenciais de acceso libre) e 4.200 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.
A estes datos hai que engadir as mais de 300 actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de Internet e abertos para ser consultados en calquera momento.
