A Xunta trasladou ao Ministerio de Economía e Transformación Dixital as prioridades de Galicia no ámbito das actuacións de redes de telecomunicacións, para as que o Estado anunciou investimentos de máis de 4.300 millóns de euros.
No mesmo contexto presentou dous proxectos de máis de 160 millóns de euros ás expresións de interese de reto demográfico e de conectividade co obxectivo de adiantar a cobertura de 5G no rural e lograr unha xestión intelixente de todo o territorio.
A Xunta considera imprescindible o establecemento dun marco executivo de colaboración entre o Estado e as Comunidades autónomas que facilite e axilice a xestión tanto do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais, como a Estratexia de Impulso ao Desenvolvemento da Tecnoloxía 5G. Ambas actuacións foron aprobadas recentemente polo Goberno de España e contan cun investimento público de 4.300millóns de euros. Con estes mecanismos, o Estado pretende acadar os novos obxectivos para 2025 establecidos por Europa en materia de conectividade, para o que é preciso ter en conta as singularidades de cada territorio.
Prioridades de Galicia
Con ese obxectivo, a Administración Autonómica trasladou ao Estado cinco prioridades esenciais para Galicia:
En primeiro lugar, lembra que Galicia concentra o 40% dos núcleos de poboación de España, e que a media de poboación en cada núcleo é de 89 persoas. Esta realidade debe ser tida en conta, e dar prioridade á cobertura de redes de banda larga ultra-rápida nas entidades de poboación de menos de 500 habitantes.
A Xunta considera tamén prioritario garantir a dotación de conexión a redes de alta capacidade aos motores socio-económicos da Comunidade. Neste caso, os obxectivos da UE son os de dotar a instalacións como hospitais, centros médicos, centros de educación e investigación, áreas empresariais ou centros tecnolóxicos con cobertura de 1 Gbps. Neste aspecto, o Goberno autonómico propón a elaboración dun mapa de instalacións, centros e espazos existentes e futuros que permita garantir o seu acceso ás redes Gigabit
E terceiro dos obxectivos prioritarios salientados pola Xunta é a cobertura 5G non só nas vías de comunicación principais, senón tamén nas secundarias. Esta necesidade afecta, fundamentalmente, as zonas rurais e resulta chave para a cohesión territorial.
Tamén considera necesario o despregue de redes de 100 Mbps e 5G en zonas de especial protección e conxuntos históricos, para evitar que haxa entornos urbanos que queden en zonas de sombra tecnolóxica e impidan o seu desenvolvemento social e económico.
Por último, propón ao Estado, unha revisión dos instrumentos e a regulación coa que conta o Estado nesta materia, para facilitar acadar os obxectivos previstos no 2025, entre eles propón a modificación do marco normativo do Servizo Universal de Banda Larga, que ata agora soamente considera o dereito a ter acceso a unha velocidade de 1 Mgps e non contempla o dereito á cobertura de telefonía móbil.
Proxectos concretos: Galicia NETLand e Galicia SMARTLand
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia tamén presentou dous proxectos ás manifestacións de interese de reto demográfico e conectividade. As dúas iniciativas suporían un investimento de 164 millóns de euros.
O primeiro dos proxectos presentados pola AMTEGA á chamada de manifestación de interese, denominada Galicia NETLand, ten como obxectivo adiantar a cobertura 5G as zonas rurais que históricamente experimentaron retrasos nas chegadas das distintas xeracións de telefonía móbil. Neste sentido, identifícanse tres ámbitos estratéxicos: a conectividade rural, o turismo e os polos industriais. Actuaríase principalmente nas entidades de población de menos de 500 habitantes, nas zonas con explotacións do sector primario, aquelas con alto perigo de incendios e as vías de comunicación secundarias.
Galicia NETLand daría prioridade tamén as áreas de interese turístico e, concretamente, ao Camiño de Santiago; aos Bens de Interese Cultural, sobre todo no rural e aos atractivos turísticos naturáis.
O segundo dos proxectos, denominado Galicia SMARTLand, ten como obxectivo o desenvolvemento e posta en marcha dunha rede e plataforma de xestión intelixente do territorio, e aposta pola sensorización do territorio e a xestión de datos con base cartográfica. SMARTLand axudaría á toma de decisións para o desenvolvemento local sostible ao facilitar a obtención de información sobre a realidade territorial. Impulsaría a creación dun ecosistema de datos e a posta en marcha de procesos de automatización baseados en Big Data e Intelixencia Artificial
En ambos proxectos manifestaron a súa intención de participar diferentes compañías locais e multinacionais, así como os principais operadores de telecomunicacións. Conta co apoio da Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia.
