O consorcio Eco-Smart Batt organizou este 3 de xuño un webinar para dar a coñecer o seu proxecto. Debulláronse as súas claves e obxectivos para investigar a fabricación 4.0 sustentable de nanocompostos e ionoxeles para baterías de alta densidade enerxética e con menor custe, que impulsen a electrificación do sector da mobilidade.
O proxecto, liderado por Ferroglobe Innovation, conta cun consorcio formado polas empresas galegas ABCR Labs, Ártabro Tech, ENSO Innovation e o Centro Tecnolóxico CETIM con sede en Culleredo, e está financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) ao abeiro do programa Fábrica do Futuro Intelixente e Sostible.

Neste contexto, Eco-Smart Batt buscará mellorar de xeito considerable a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías ión-litio a través de novas investigacións en fabricación intelixente de materiais e as súas combinacións sinérxicas, así como a investigación en tecnoloxías de monitoraxe, control e simulación que permitan deseñar procesos de produción máis eficientes e rendibles, facilitando a evolución e a transformación do sector transporte cara á sustentabilidade, a descarbonización e a drástica redución de emisións.
Esta investigación de I+D+i está en liña co Pacto Verde Europeo que ten por obxectivo a transición do sector transporte cara a tecnoloxías sostibles e climaticamente neutras. Eco-Smart Batt é un proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (PO FEDER Galicia 2014-2020), a través do Programa Fábrica do Futuro.
O consorcio Eco-Smart Batt impulsa dende a nosa terra os compoñentes das baterías do futuro
Compartir Este Artigo

