Allariz quere poñerse na vangarda en materia de fibra óptica e Internet de alta velocidade para empresas e residentes, un recurso de gran utilidade para mellorar os servizos da cidadanía, reter poboación e sector produtivo e evitar o éxodo cara as cidades. Este 30 de xuño, a alcaldesa Cristina Cid, e Pere Antentas, director xeral da empresa de telecomunicacións Vento Rede S.L, visitaron as obras de despregue da rede de fibra óptica no termo municipal. Segundo fixo saber, a intención é dar cobertura coas novas infraestruturas aos 92 núcleos do concello.
Cristina Cid salientou “a relevancia deste proxecto”, xa que se trata dun “chimpo cualitativo de gran importancia no servizo de conectividade, unha infraestrutura moi necesaria para todos aqueles que elixen Allariz coma o seu lugar para vivir e traballar e que conseguen que ano tras ano o concello siga medrando en poboación”, sinalou, poñendo o foco no potencial das telecomunicacións avanzadas para facilitar o teletraballo, os estudos ou “as necesidades que terán veciños e veciñas actuais ou futuros”. E engadiu: “Nace unha nova posibilidade de contar cun servizo que facilitará non soamente o ocio senón poder estudar online, teletraballar, acceder á dixitalización de empresas ou crear plataformas de venda en liña dende o noso entorno”.
Por outra banda, a alcaldesa explicaba que aínda que non está todo o despregue rematado, si que hai zonas que xa están acabadas e que os vindeiros días “comezará a posta en marcha do servizo de xeito gradual”. Engadiu que “tanto o Concello como a empresa somos conscientes da casuística do municipio, que conta cun número importante de núcleos de poboación e interésanos dar solución a todas as incidencias que podan ir aparecendo segundo avance o despregue”.
Pola súa banda Pere Antentas, informaba durante a comparecencia que a partir deste primeiro de xullo comezará a comercialización.
A empresa Vento Rede, con Rede Aberta, é un operador de infraestruturas neutras que ofrece servizo a varios operadores. Na actualidade está a traballar con catros operadores de Galicia, que serán os encargados de comercializar o servizo na contorna de Allariz. Este proceso abrirase coa iniciativa A túa xanela, que ten por obxectivo levar a fibra óptica ás poboacións do rural. Antentas sinalou que o gran reto da operadora é “dotar da mellor conexión posible a Internet, por medio da fibra óptica as zonas principalmente do interior de Lugo e Ourense, ofrecendo o trato máis personalizado e próximo posible, coa intención de salvar as dificultades do rural, e para que o futuro sexa de oportunidades”. Segundo o director de Vento Rede, estudarase a casuística para chegar a todo o concello de Allariz estudando o despregue dos 92 núcleos de poboación.
Allariz impulsa os traballos para levar Internet de alta velocidade aos seus 92 núcleos
Compartir Este Artigo

