O equipo de aeromodelismo da UVigo (Aerotech) vén de presentar o seu primeiro prototipo, de nome CORV-0, unha aeronave deseñada e fabricada por 23 alumnos e alumnas da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense que forman parte do proxecto.
O trebello fabricado competirá na vindeira edición do reto Air Air Cargo Challenge, que se vai celebrar en xullo de 2022 en Múnic (Alemaña), dentro do ámbito europeo e da enxeñaría aeronáutica unha das competicións máis relevantes (neste evento estarán 30 das mellores universidades do mundo competindo por crear os mellores deseños de vehículos aéreos non tripulados).
“Será o primeiro equipo galego en participar nesta competición e un dos tan só catro españois que competirán”, sinalan os membros de UVigo Aerotech, informando dos principais detalles do proceso de fabricación (empregaron fibra de carbono, “actualmente imprescindible no sector aeronáutico”, xunto con impresión 3D de pezas en colaboración coa Área de Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo) e do resultado final (no que destacan “o deseño aerodinámico propio optimizado para a competición, o deseño das superficies de control e a estrutura fabricada en fibra de carbono, realizados polos membros do equipo”.
As orixes
O equipo UVigo Aerotech comezou a súa andaina a principios de 2020 co apoio do profesor Guillermo Rey e cunha primeira tempada que rematou co deseño do AZOR-0, unha aeronave de máis de catro metros de envergadura e capaz de levantar ata 12 quilos. Coa experiencia deste precedente e co horizonte de xullo de 2022, o equipo traballou este curso académico no deseño, fabricación e construción do primeiro prototipo. O alumnado realiza o seu traballo dividido en cinco departamentos co obxectivo de “cubrir todas as necesidades do proxecto de forma organizada”. Estes departamentos son Electrónica e Control (no que se implementan os circuítos do aeromodelo e se elixe tanto o hardware como o controlador empregados); Propulsión e Dinámica (que se ocupa do deseño, mantemento e ensamblaxe do motor, ademais do deseño e fabricación do tren de aterraxe); Aerodinámica (que abrangue o deseño e fabricación dos elementos aerodinámicos do modelo que permiten levantar a carga de pago necesaria); Estruturas (que estuda as necesidades estruturais do modelo e encárgase da fabricación) e Organización e Márketing (que se dedica á organización interna e xestiona as redes sociais e a representación do equipo).
O proxecto, comentan, non sería posible sen o apoio das empresas e entidades patrocinadoras, como son Coasa, Utingal, Gurit, Europrecis, Mecadis, Marine Instruments, a Axencia Galega de Innovación e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.
O equipo UVigo Aerotech presenta o seu primeiro prototipo
Compartir Este Artigo

